A exposición «Con fío en Galicia» exhibirá as achegas á moda dos deseñadores do país

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Unha mostra en Santiago porá en valor tamén o factor industrial, con Inditex como fito

23 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Cultura converterá a moda galega en protagonista da próxima gran exposición do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago, que se inaugurará o 11 de marzo e que busca consolidar a marca Galicia coa posta en valor das achegas dos grandes deseñadores do país e os logros empresariais acadados por un sector estratéxico, constituído por 500 empresas, que dá emprego a 13.000 persoas e que representan o 11% da riqueza da comunidade. Con fío en Galicia, renderá unha homenaxe ao universo dos profesionais que situaron as súas creacións na pasarela internacional, como Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Kina Fernández, Florentino ou Antonio Pernas, pero tamén porá o foco sobre un sector capaz de xerar industrias líderes, como Inditex ou a Sociedade Textil Lonia, que xestiona desde Ourense marcas como Carolina Herrera. A confluencia de talento e excelencia empresarial definirá os eixes dun proxecto que dá conta deste fenómeno singular que representa a moda, e que fixo de Galicia un punto de referencia no mapa global do téxtil.

Comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, prestará unha especial atención á eclosión que se viviu nos anos 80 en Galicia, convertendo o Gaiás nunha pasarela de creadores. La arruga es bella de Adolfo Domínguez, Verino, Pernas ou o grupo Galicia Moda (Gene Cabaleiro, Florentino, Caramelo, María Moreira, María Mariño...) marcarán as décadas douradas da moda galega; protagonismo compartido con Inditex, hoxe primeiro grupo téxtil do mundo.

Xunto a eles, deseñadores e marcas que apareceron entre as décadas dos 90 e 2000 como Purificación García, Bimba&Lola, D-Due, Chicha Solla, Pili Carrera ou Toypes.