A poeta e académica Luz Pozo asegura que o gran amor da súa vida é Borges: «O 'Aleph' pareceume extraordinario en todos os sentidos»
03 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Baixo a mirada atenta da súa nai, que observa dende un lenzo da parede, Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) dálle corda nunha hora a moitos anos. «Á miña nai gustábanlle moito os xoguetes mecánicos. Por iso ás veces lle poño un carrusel á noite, antes de ir durmir». Aos seus 93 anos, a poeta di que aínda é unha nena fascinada co patinete. «Non é un aparello corrente. É un medio único [risos]. Creceu comigo. Cando saio a un estrado a falar, meu fillo di: ¡mamá, non fales do patinete! Pero non podo evitalo».
-¿Levouna moi lonxe?
-Moito. Pecho os ollos e vén sempre o patinete. É coma volver á infancia, ao cantón de Viveiro. Fun unha nena moi feliz cantando anuncios da Bayer no cantón coa miña amiga Altita Pla. Alta Gracia Pla. Cando ía buscala á casa e lle dicía «¡Baixa, Altita!» ela saía sempre coma unha sombra: «Non me chames Altita, que non me deixan baixar. Chámame Alta Gracia». Ela aínda vive. Pero non sei qué ten estes días. ¡Non sei qué ten...! 93 anos.
-¿Como era iso de cantar anuncios?
-Eu recordo Viveiro de nena como unha praza con catro farmacias. Iamos á de don Emilio e pedíamos os anuncios que chegaran. Eran moi bonitos, de cartón brillante, case parecían un parchís. Despois saiamos á rúa con eles, a cantar as bondades da aspirina corifina.
-¿Que ten a infancia que non deixamos de volver?
-Vivir infantilmente é a mellor forma de vivir.
-¿Abonda o racional para comprender o mundo?
-Non. O racional é necesario na vida, pero non suficiente. O que non se ve parece que non pode ser certo...
-Pero algúns cremos en bastantes máis cousas das que vemos.
-Si. Existen aínda que non se vexan. Fisicamente tampouco se vían antes os microbios. Hai cousas que superan os sentidos do corpo.
-Contoume unha vez que segundo o momento do día é un signo zodiacal ou outro.
-Son Cáncer-Leo. Nacín o 21 de xullo ás seis da tarde. E entraba Leo, segundo as miñas cartas astrais... Son unha persoa que non cre pero tampouco deixa de crer. Deixo a porta aberta por se acaso.
-O amor polas letras venlle do pai. ¿É máis de papá, como di o tópico das nenas?
-Eu son de mamá. De papá nada. Miña nai era esixente pero moi benévola. El era distinto, a palabra del era inmediatamente. «Lucita, vén». «Vou agora, papá». «Agora non. Inmediatamente». Pero si, meu pai era un lector excepcional, sempre viviu rodeado de libros.
-¿A que lle gustaba xogar ademais de moverse en patín?
-Ás bonecas. Tiña unhas trinta e durmía con elas. Pasaba todo o día estudando, violín, piano..., viña unha profesora, despois outra. Cando podía saír á rúa, saía despavorida. A saltar á corda, a xogar á pelota, a montar na bicicleta...
-¿Foi moi traste?
-Un pouco [ri] Miña nai vestíame sempre con mariñeiras, tiñan os puños tan pegados que non podía subir a manga. ¿Que facía eu? Collía as tesoiras e cortaba as mangas.
-Unha poeta afeccionada ao risco e a varios deportes.
-Entre eles, o baloncesto e a vela. Ata teño o título de patrón de embarcación.
-Ten un neno e dúas nenas.
-¡Nenos...! Ha ha ha. Si, os meus fillos foron nenos. E para min o seguen sendo.
-Disque tivo moitos pretendentes.
-Os amigos do meu irmán maior, pero a min non me gustaba ningún. Prefería os amores platónicos. Eu namoraba dos profesores. Ao mellor non tiñan pelo nin nada... [risos] Sería admiración polo saber. Eu adoitaba levar un diario no que anotaba cousas como «hoxe o vin ou non o vin».
-¿O amor da súa vida?
-O meu gran amor é Borges. O Aleph pareceume extraordinario en todos os sentidos.
-De vostede oín que as persoas alegres son en realidade as máis tristes.
-Pois si. Pode ser. Porque, mira, agora estou rindo pero podo poñerme a chorar.
-Co correr dos anos a súa poesía virou cara Oriente.
-Para explicalo tería que empezar falando da vida da miña nai, que é unha novela. Ela viviu en Oriente. Non teño a súa vida moi documentada, pero vou seguindo as pistas. Ata cheguei á conclusión de que estivo casada cun nobre da familia dos Este.
-Recita a Ovidio en latín e confésase como escritora de cama.
-[Risos] Máis que escritora, estudante de cama. Eu estudei en todas partes e na cama de xeito moi natural.