Un lobo ouvea no planalto


Fóisenos Bento da Cruz (Montalegre, 1925), o cronista do Barroso e Tras os Montes. Velaquí o principio (e a fin) do mundo do meniño que pastoreaba o gando no monte nun tempo de fame e contrabando. O cativo ía para monxe mais rematou por facerse médico rural, daqueles que atendían á xente sen cobrar. Este martes, con noventa anos e despois de vinte de loita, finaba no Porto o mesmo home que deixou escrito hai máis de cinco décadas: «Enterrem-me na Serra da Ilusão/ em cujos píncaros e faldas / cai neve, beijos, esmeraldas / para que do meu podre coração / nasça uma fonte de água abençoada / que mate a sede e cure a bicharada».

Os versos pertencen a un esquecido poemario co que se estreaba en 1959. Despois de máis de cinco décadas escribindo, «o doutor Bento», como era coñecido entre os seus veciños e os lectores do Jornal Correio do Planalto, que dirixiu até hai só uns días, déixanos moito máis que a súa xenerosidade: máis de vinte referencias entre contos, novelas, biografía, ensaio e crónicas, magníficas estas últimas e compiladas en Prolegómenos. Imprescindibles son as novelas O Lobo Guerrilleiro e A Loba, adaptadas ao galego por Moncha Fuentes.

Convidamos a Bento a participar nun congreso sobre solidariedade e resistencia antifranquista hai dez anos en Celanova. Xa maior e delicado, descubrimos daquela o seu rigor investigador nunha conferencia inesquecible, desenvolvida despois no libro Guerrilheiros antifranquistas em Trás-Os-Montes. No 2011 démoslle a guillada e a boina de Arraiano Maior da man de X.L. Méndez Ferrín e o Padre Fontes. E aínda o vimos por derradeira ver no cemiterio de San Breixo, ao pé do xacigo de Celso Emilio, onde falamos de Miguel Torga e do apego á terra. Bento e Torga partillaban conexións telúricas coa mesma matria arraiana cuxa tradición, espírito e oralidade souberon recoller e levar á escrita coma poucos. Tamén os unía Coimbra, onde se fixeron médicos, o cultivo do xornalismo e a procura da precisión no uso da linguaxe. Coincidían tamén na orixe familiar labrega e no amor á terra. Remexo na memoria e escoito agora as voces ancestrais dende a ultratumba. Un lobo solitario percorre os vieiros segredos da torgueira infinda da Raia Seca e ouvea.

Autor Aser Álvarez Cineasta

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos

Un lobo ouvea no planalto