Roi. Madrid. 18 de maio de 2013

CULTURA

Segundo capítulo da novela por entregas «Sobrevivindo» de Arantza Portabales Santomé

03 ago 2015 . Actualizado a las 18:21 h.

O monótono son da Blackberry comezou a elevar o seu volume. Roi estirou o brazo nun intento van de apagala, ao tempo que loitaba por abrir os ollos. Sentía a boca seca e as tempas latíanlle con forza.

-Ola, chico Wagner!

A dona da voz resultou ser unha loura duns vinte anos. Ollou o reloxo. Merda. Prometéralle á avoa Wagner recollela para levala ao cabodano de alguén. Ergueuse axiña, sabendo de antemán que o esforzo resultaba inútil. Pasaban das doce.

-Jana.

-Que?

-Chámome Jana, de Alejandra.

-Xa. Oes, Jana, pasámolo moi ben, pero agora teño que marchar.

-Por suposto, chico Wagner.

-Chámome Roi.

-Sei como te chamas.

Por suposto que o sabía. Todas o sabían. Sempre. Os acontecementos da noite anterior fóronse clarexando pouco a pouco. Sempre igual. Cambiaba o local. A rapaza. A habitación onde espertaba. O que non cambiaban nunca eran os sorrisos forzados e os silencios incómodos.

-Claro, teño que irme. Chamareite, vale?

Os dous sabían que non o faría. Nin sequera lembraba se lle pedira o número. Roi fixo un leve aceno coa man e dirixiuse á porta.

Os raios do sol atacárono sen piedade. Sorprendido, decatouse de que estaba preto da casa da avoa Wagner. Antes de chegar alí tiña que rescatar o seu coche. A Blackberry comezou a vibrar de novo. Catorce chamadas perdidas. Case todas da avoa. Algunha da súa moza. Dúas de Martín. Buscou no peto da cazadora as gafas de sol. Non estaban. Impaciente, pulsou o botón da rechamada.

-Avoa, son Roi.

-Non o sabes?

-Que pasou?

-Por teléfono non. Bule.

O latido xordo das tempas acentuouse mentres corría pola rúa. Atopou á avoa Wagner sentada na súa cadeira de rodas. Emilia Wagner, de solteira Schütz, acababa de cumprir noventa e oito anos, pero conservaba unha mente lúcida e un ricto severo que só cedía na presenza de Roi. Non sucedeu así esta vez.

-É a túa nai. Sabía que algún día faría algo así. Non é boa. Nunca o foi. Cando Matías apareceu con ela, con esa cara de non ter roto nunca un prato, eu xa sabía...

-Avoa, por favor, estás fóra de ti. Para. Que pasou?

-Nunca foi boa. Non quere os meus cartos, dicía el. Está soa. Só me ten a min. Parvadas! Que muller queda preñada dun home que podería ser o seu pai? Dígocho? Unha calquera. Esa é a clase de muller que é a túa nai.

-Avoa, non te consinto?

-Non me consentes, ha! Que non me consentes que? Quen te criou, cando ela decidiu exporse na televisión? Quen te visitou cada mes no Aiglon College, mentres ela andaba preocupada en amasar cartos? E quen te presentou ao mellor da sociedade cando volviches de Oxford? Es un Wagner, polo amor de Deus! Ninguén te relacionaba xa con ela. Ela, que non era máis que a filla dunha cociñeira! Prohibinlle usar o noso apelido. Para que? Mañá a estas horas estará refregado polos xornais. Coma se fosemos uns delincuentes.

-Calma. Dime que pasou.

-Pasou que matou un home. Está en todos os medios. Martín vén de camiño. Un home, Roi. En Santiago. En Galicia.

-Iso é imposible, avoa. Ten que ser un erro.

-Un erro! Con ela nunca os hai! Confesou. Entregouse. Se alguén é capaz disto, é ela, creme.

A cabeza estaba a piques de estouparlle. Sentouse no sofá e fitou á súa avoa. Ela acercouse a el e colleulle a man.

-Non penso permitir que te culpes por isto.

Roi levantouse e saíu da habitación.

Colleu a Blackberry, e alí estaba. En titulares ben grandes. En negriña e maiúsculas: ASASINA.

Debaixo, unha incrible muller de ollos verdes e mirada tranquila. Fermosa. Serea.

A muller que namorou a un país e creou un imperio.

A súa nai: Valentina Valdés.

RESUMO

No ano 2000, unha misteriosa muller, Val Valdés, preséntase ao casting de «Sobrevivindo», programa pioneiro de telerrealidade e dotado cun premio de cen millóns de pesetas. A intención de Val é independizarse economicamente da familia do seu home, coa que mantén unhas pésimas relacións, tralo suicidio deste apenas hai un ano. Val Valdés sorprende ao director do casting, amosándose como unha muller moi preparada, segura de si mesma e sen prexuízos, disposta a revolucionar a canle televisiva.