Galicia lembra a Paco Luis Bernárdez

La Voz

CULTURA

MIGUEL VILLAR

A Festa da Palabra na Insua dos Poetas estivo dedicada ao autor arxentino

19 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Luis Bernárdez foi un escritor e xornalista arxentino de ascendencia galega que ademais de ter unha presenza destacada na literatura do seu país, viviu e escribiu na Galicia dos anos 20 do século pasado. A el vén de dedicarlle un libro Luís González Tosar, impulsor da Festa da Palabra na Insua dos Poetas, que onte celebrou a súa sétima edición, concibida este ano como unha homenaxe a Bernárdez.

O acto desenvolveuse na Insua dos Poetas, a carón do río Miño, localizada na Esgueva, Madarnás, no Concello do Carballiño. Á homenaxe a Francisco, coñecido nos círculos literarios como Paco Luis Bernárdez, asistiu tamén o presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure, el tamén descendente de emigrantes, xa que os seus pais emigraron dende Banga, no Carballiño.

No mesmo acto tamén se entregaron os premios Insua dos Poetas deste ano, que recaeron no escritor Manuel Rivas, «escritor e xornalista que ten demostrado ao longo da súa traxectoria un compromiso cos ideais de creatividade, habelencia na palabra poética, defensa do medio ambiente e liberdade de expresión», segundo destacou o xurado, presidido por Luís González Tosar; en Francisco Lores Mascato, o colectivo ecoloxista Outeiro e o grupo empresarial Gadisa. No transcurso do mesmo acto tamén se procedeu á inauguración da chamada Fonte das Sete Palabras.