A editorial Galaxia publicará as memorias de Otero Pedrayo

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

A fundación do autor entregou o Premio Trasalba a Antón Pulido

29 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa Grande de Cimadevila acolle cada último domingo de xuño a romaría da cultura galega. Nesa data, dende que se instituíu no ano 1983, faise entrega do Premio Trasalba na que foi a vivenda familiar de Ramón Otero Pedrayo, lugar que dende a desaparición do polígrafo galego acolle a súa fundación.

Na xuntanza deste ano compartiron protagonismo a entrega do galardón ao pintor Antón Pulido e a presentación da fotobiografía de Otero Pedrayo elaborada por Afonso Vázquez-Monxardín e Patricia Chachero. A coautora do libro fixo un repaso dalgunhas das imaxes e dos datos máis singulares da publicación Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía 1888-1976: dende a fotografía na que aparece cun casco de viquingo no pregón da primeira romaría de Catoira ata que estivo a piques de morrer de neno nun incendio e o salvou o pai de Vicente Risco -vivían na mesma casa-. Chachero asegurou que axiña se ían editar as súas memorias.

Víctor F. Freixanes, director de Galaxia e responsable da Fundación Otero Pedrayo, anunciou que no ano 2016 se publicarán dúas obras vencelladas co autor: «O primeiro volume das súas memorias e un traballo que recollerá a relación epistolar entre Otero Pedrayo e Fernádez del Riego». En canto ás memorias, «serán dous volumes e comezaremos co segundo, o que se refire aos anos en Madrid, que é unha etapa máis descoñecida. O primeiro deunos máis traballo pero xa está localizado e sairá despois». Na entrega do Premio Trasalba a Antón Pulido -pola súa carreira artística, a calidade e á personalidade da súa obra-, Bieito Ledo fixo un percorrido pola vida e a obra do homenaxeado, co que comparte amizade dende os anos de adolescencia no seminario de Ourense. Pulido lembrou os seus encontros con Otero e a súa complicidade como veciños de Amoeiro. Galaxia editou unha publicación de agasallo ao galardoado.