De pedra, como os Jerónimos

M. Anxo Fernández

CULTURA

03 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Tomo prestada a atinada definición que de Manoel de Oliveira fixo no xornal portugués Público o produtor Pedro Borges, que traballou con el cando Paulo Branco producía ao mestre de Porto. «De pedra, como os Jerónimos», dixo, porque o seu legado fílmico forma parte, xa indivisible, da cultura de Portugal, un país que, segundo dixo outro mito, o xa finado cineasta Joâo César Monteiro, é demasiado pequeno para un autor demasiado grande, de case setenta filmes de diferentes formatos desde 1931, entre eles, Francisca, realizado en 1981 e que foi vista no país por máis de cen mil espectadores, reiniciando a etapa máis frutífera no autor da súa primeira longa, Aniki-Bobó (1941). Foi Francisca quen acompañou en 1984 a outros de Lauro Antonio, Joâo Botelho e o citado Monteiro, na edición fundacional das Xociviga carballiñesas, nunha mostra promovida co Instituto Portugués do Cinema e os compañeiros cineclubistas alén do Miño. Foi unha moi grata descuberta, vivindo como vivía o mercado español de costas ao cinema veciño. O mestre visitaría Galicia para recoller o Cineuropa no 2004, cando xa a súa obra era escolla obrigada na mostra compostelán. Xa daquela amosou vitalidade, simpatía persoal e, claro, talento creativo. Ao ano seguinte, as Xociviga fixéronlle unha pequena homenaxe. Asistiu á Festa do Pulpo, xantou polbo, tomou tinto e mesmo se arrancou uns pasos de muiñeira. Aínda lle agardaban varios filmes, o último, a curta O velho do Restelo, o ano pasado. De pedra, como os Jerónimos.