La Voz de Galicia publicará a obra gañadora do certame nas súas Páxinas Literarias durante o vindeiro mes de agosto
08 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Os escritores que queiran presentar un manuscrito ao premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia dispoñen ata o vindeiro día 13 para poder entregar as súas obras. Nesa xornada remata o prazo de admisión de orixinais para o certame, que este verán chega xa á súa edición número catorce. A obra gañadora aparecerá publicada no mes de agosto nas Páxinas Literarias do xornal e o seu autor recibirá 6.000 euros.
Esta é unha das características máis especiais do premio, que organiza o xornal co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, xa que recupera a tradición da literatura folletinesca que tanto éxito tivo no século XIX e que moitos diarios, entre eles La Voz, ofrecían aos seus lectores. Deste xeito, os aspirantes deberán enviar unha novela escrita en galego con 31 capítulos exactos. A extensión de cada episodio tamén está regrada: son 3.500 caracteres, espazos incluídos.
As obras deben presentarse en catro copias, impresas a dobre espazo e por unha soa cara. Ademais, será necesario enviar unha copia do escrito en versión dixital PDF e gravado nun cedé. Os orixinais poden remitirse postalmente a: «14.º Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono Industrial de Sabón. 15142 Arteixo».
No certame rexe o sistema de plica pechada, na que se introducen nun sobre os datos do autor que permitan poñerse en contacto con el no caso de resultar finalista ou gañador. O xurado dará a coñecer o seu fallo antes do día 25 de xullo. O gañador sumarase a unha nómina de autores na que figuran Francisco Castro -vencedor o ano pasado-, Marilar Aleixandre, Diego Ameixeiras, Fran Alonso, An Alfaya ou Concha Blanco, entre outros.
E se o prazo para o premio de Novela por Entregas remata o día 13, ese mesmo día tamén se abre o período dos Relatos dos Lectores, que permanecerá aberto ata o 14 de xullo. Os textos poderán enviarse en galego ou castelán, cunha extensión que non excederá as 25 liñas de corpo 11, o que equivale a 2.100 caracteres con espazos incluídos. Os orixinais virán acompañados dos datos do autor e, a ser posible, unha foto tamaño carné. Poden enviarse ao correo relatos@lavoz.es ou a «15.ª Edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia. Premio dos Lectores. Avenida da Prensa, 84-85. Polígono de Sabón. 15142 Arteixo». As bases completas de ambos os dous certames poden consultarse en www.lavozdegalicia.es