Un día de lecturas por todo o país

Redacción / La Voz

CULTURA

25 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O día rexistrou actos de homenaxe á poetisa por todo o país para conmemorar o 177.º aniversario do seu nacemento. O Concello de Santiago e a Fundación Rosalía de Castro realizaron unha ofrenda floral no monumento da Alameda. Pola tarde, na Casa-Museo, en Padrón, celebrouse un recital e a cantante Najla Shami interpretou temas inspirados nas súas letras.

En Vigo, os seus versos tamén soaron na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde o que quixo participou nunha lectura-homenaxe á escritora como peza clave no imaxinario colectivo galego. A profesora e escritora Rexina Vega leu o manifesto publicado pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) no que se avoga por non reducir a homenaxe a un «canto fúnebre», xa que, «ela debe ser sempre outra cousa, unha forza rabuda que move os marcos da literatura... alguén que se vivise neste século XXI seguiría a denunciar a todos aqueles que, baixo a máscara da honradez, pretenden converter a lei en atadura, o corpo en cárcere, a liberdade en servidume». O estudantado estranxeiro fixo a lectura das diferentes versións traducidas no proxecto Rosalía é mundial, que permitiu a tradución dos poemas de Cantares Gallegos Adiós ríos, adiós fontes e Airiños, airiños, aires a unha longa lista de idiomas.

A galería Sargadelos de Ferrol acolleu, por iniciativa da AELG, unha lectura de poemas á que se sumaron afeccionados á literatura de toda a comarca.

O acto principal en Lugo convocouse no Museo Provincial, tamén baixo os auspicios da AELG, e a Deputación. Houbo unha lectura, e música a cargo da violonchelista Paula Rancaño.

Na Coruña a lectura de textos tivo un compoñente solidario entre os alumnos do instituto Eusebio da Guarda -un histórico centro que empezou a funcionar cinco anos despois da morte da escritora-, no que houbo donativos á cociña económica. Na Universidade Laboral de Culleredo, música e literatura, baixo o lema Alborada para Rosalía de Castro.

En Ourense foron os centros escolares os que puxeron o acento. Os alumnos de Salesianos e Miraflores compartiron poemas a través de Skype.