A última gran intelectual de esquerdas

CULTURA

18 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Todas as escritoras quixemos ser algún día a Doris Lessing que, desde o Olimpo das literatas, era quen de contar nunha entrevista que tiña «unha lixeira diarrea». Por suposto, esa capacidade só a teñen as posuidoras dun pensamento brillante e libre que, malia todo, non foron totalmente ben tratadas pola vida. Lessing foi, quizais, a última gran intelectual de esquerdas que nos quedaba e que, por se fora pouco e nun xesto de orixinalidade da Academia Sueca, foi recoñecida co Nobel de Literatura no 2007. Orixinais, por ter sido abertamente comunista (aínda que a miúdo a descomunistizan) e por ser muller.

O caderno dourado, a súa obra mestra, fala de nós, mulleres e homes, e revolucionounos desde un saber literario que demostra o talento de Lessing para transmitir o pensamento. Por iso as súas obras filosofan sobre o mundo que protagonizou cunha vida de descolonización, marxismo, antirracismo, feminismo e mística, converténdose no resume dun certo século XX que se nos foi. O seu lugar xa se encheu a estas alturas con outras filosofías e outras vivencias de mulleres que vemos o mundo doutra maneira. Pero, ¿seriamos as mesmas sen Doris? Velaí a pregunta que só as grandes presenzas nos obrigan a formular.