Manuel Quintana Martelo: «Quixen explicar o percorrido dun xeito de traballar»
CULTURA
O artista inaugura unha mostra baseada nunha persoa real
11 jul 2013 . Actualizado a las 09:53 h.A exposición que Manuel Quintana Martelo inaugura esta tarde (19.30 horas) no Museo do Pobo Galego de Santiago ten nome propio. Manuel Viñas é o mariñeiro de Campelo (Poio) sobre o que o pintor documentou o seu retorno á anatomía.
-¿Cal era a intención de partida dunha mostra cun protagonista real?
-Para min foi unha casualidade. Buscaba unha cousa e atopei outra. Non o coñecía de nada e dei con el cando viña do mar. Chamoume a atención a complexión e a forza que parecía ter. Pedinlle permiso para facerlle uns retratos e tamén me sorprendeu a naturalidade con que se deixaba fotografar. Eu non sabía que facer con iso.
-¿Como pasou deses retratos a unha exposición completa?
-Fixen un boceto para un gravado, logo marchei a Nova York. Foi alá, repasando as fotos, cando pensei nunha escultura sobredimensionada e a partir de aí sentín a necesidade de voltar á anatomía de Belas Artes. Había moito tempo que non traballaba deste xeito e case levo dous anos con este proxecto. Esta peza última é un alto no camiño para min, quixen explicar o percorrido dun xeito de traballar, do que lle pasa a un pola cabeza cando está interesado en algo. Pero creo que aínda me queda camiño por andar.
-¿Que representa Manuel Viñas?
-Está moi unido ao que pode ser a antropoloxía dun home de mar. Ese aspecto tan natural que ten a xente do campo ou do mar cando están enmarcados na paisaxe.
-¿Que dicía o retratado?
-Prestouse con naturalidade e mesmo se riu un pouco de si mesmo.