Un grupo de académicos pide ao presidente que sexa «máis prudente» nas súas declaracións
10 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.As palabras do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o pasado luns en V Televisión, comparando ao Bloque e o seu compromiso co galego con «esas nais que queren tanto aos nenos pequenos e aprétanos tanto que os abafan» provocaron unha dura reacción do voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que o mércores arremeteu nun acto público na Coruña contra o «discurso disparatado» do presidente da RAG. «Destila certa misoxinia ao facer eses símiles», atacou Vence, que ademais de voceiro do BNG é académico correspondente da RAG desde xuño do 2012.
O presidente da RAG preferiu onte non facer valoracións sobre as declaracións de Xavier Vence, pero un sector de académicos, entre os que se atopan os numerarios próximos á candidatura de Manuel González ás pasadas eleccións á presidencia, si manifestou onte o seu «profundo malestar» polo que entenden como unha «polémica innecesaria» xerada por Alonso Montero. «Eu non quero entrar en ningún tipo de controversia coa nova dirección da Academia nin co presidente, pero creo que declaracións como as súas non son prudentes nin adecuadas e penso que debería medir máis o que di cando fala como presidente da Academia», explicou onte Manuel González.
Outro destacado membro da RAG subliñaba que un sector de académicos «non se sente representado por estas manifestacións sobre as forzas políticas galegas». «O que menos necesita agora a Academia son polémicas estériles e innecesarias que crean máis tensión da que xa ten vivido a institución durante os últimos meses».
«Ese non é o pensamento da Academia», resumía outro numerario, que pedía ao presidente que sexa «máis prudente» nas súas declaracións e que diferencie «entre as súas opinións persoais e as que pronuncia en nome da Academia Galega».