La Voz convoca unha nova edición do Premio de Novela por Entregas

redacción / la voz < / span>

CULTURA

A sección de Relatos de Verán recollerá en agosto os textos dos lectores

06 may 2013 . Actualizado a las 18:50 h.

La Voz de Galicia abrirá de novo este verán unha fiestra ás letras galegas no corazón do xornal. As páxinas literarias acollerán ao longo do mes de agosto, como xa é tradición, a obra gañadora do Premio de Novela por Entregas e os textos dos lectores, que se poderán ler tamén en agosto na sección Relatos de Verán.

Novela por entregas

O premio acada a súa edición número trece. La Voz de Galicia vén de convocar a 13.ª edición do seu Premio de Novela por Entregas, que organiza co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Poderán participar todas as persoas que presenten unha novela inédita e que non opte a outros concursos, escrita en galego e que se adapte ás características dunha narración por entregas (deberá constar de 31 capítulos, cada un deles coa mesma extensión: 3.500 carácteres con espazos incluídos). A obra gañadora publicarase durante o mes de agosto nas páxinas de La Voz de Galicia e na web do xornal (www.lavozdegalicia.es) e o autor recibirá tamén un premio en metálico de 6.000 euros. O prazo de presentación de orixinais queda aberto desde hoxe ata o 14 de xuño do 2013 (incluído). Os autores deberán remitir catro copias da súa novela impresas en papel e unha en formato PDF gravada nun CD ao seguinte enderezo:

«13.º Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono industrial de Sabón, 15142 Arteixo (A Coruña)».

As novelas deberán enviarse polo sistema de plica pechada, detallando no exterior do sobre un lema e introducindo na plica os datos do autor que permitan poñerse en contacto con el.

Relatos de verán

Participación aberta aos lectores. A outra gran cita literaria de agosto nas páxinas de La Voz será a publicación dos contos dos lectores na sección Relatos de Verán, que chega este ano á súa 14.ª edición. Poderán participar neste concurso todas as persoas que o desexen con relatos en galego ou castelán que sexan inéditos e que se axusten ás condicións de espazo da sección (os textos non poderán exceder as 25 liñas mecanografadas de corpo 11, é dicir, os 2.100 carácteres con espazos incluídos). O prazo para enviar os textos permanecerá aberto entre o 14 de xuño e o 15 de xullo do 2013 (ambos incluídos). Os textos poderán remitirse ou por correo electrónico (relatos@lavoz.es) ou por correo postal ao enderezo:

«14.ª Edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premios dos Lectores). Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono industrial de Sabón, 15142 Arteixo (A Coruña)».

Un xurado designado pola organización do premio seleccionará, entre todos os textos recibidos, aqueles relatos que serán publicados ao longo do mes de agosto nas Páxinas Literarias de La Voz e na web do xornal.

Dúas categorías

Menores de 16 anos e adultos. Os textos remitidos ao premio de Relatos de Verán dividiranse en dúas categorías en función da idade dos autores: menores de 16 anos e os que teñan ou superen esa idade. O gañador na categoría de autores de ata 15 anos (incluídos) obterá como premio un libro electrónico Papyre 601 6?, mentres que o gañador de 16 ou máis anos será obsequiado cun iPad Mini 16 GB + 4G. Os gañadores serán elixidos polos propios lectores, que votarán polo seu relato favorito enviando a La Voz os cupóns que se publicarán no xornal. Todos os que participen enviando os seus cupóns entrarán no sorteo dunha selección de obras de Biblos Clube de Lectores.

Bases completas

Consulta do texto íntegro na web do xornal. Os interesados en participar no Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia ou no concurso Relatos de Verán poden consultar desde hoxe as bases completas na web do xornal.