A restauración da unidade e o 17 de maio son as prioridades inmediatas
22 abr 2013 . Actualizado a las 10:49 h.Non son tempos doados para a Real Academia Galega. Afogada no plano económico, cunha crise interna aínda por resolver e con importantes asignaturas pendentes no seu futuro inmediato, a nova executiva presidida por Xesús Alonso Montero terá que asumir estes retos cruciais nos vindeiros meses.
A paz interna
Recuperar a unidade dun plenario partido en dous. A votación na que Alonso Montero resultou elixido o pasado sábado retrata unha división en dúas metades na Academia. Con dez académicos opostos á súa executiva, o goberno da institución non vai resultar sinxelo durante os vindeiros catro anos. Aínda que os asuntos do día a día os resolverá a executiva, o compromiso do novo presidente de levar todas as cuestións importantes ao plenario fará necesaria unha delicada diplomacia interna, xa que o empate virtual entre ambos sectores podería dificultar moi seriamente a toma de decisións. Neste sentido pode ser decisiva a vontade de diálogo que expresou o candidato derrotado, Manuel González, e unha voz relevante dentro do plenario como é Manuel Rivas.
Día das Letras Galegas
A asignatura pendente do 17 de maio. A crise interna da Academia deixou ata agora nun segundo plano a inminente celebración do Día das Letras Galegas, a xornada crucial na axenda anual da RAG. Alonso Montero xa anunciou tras a súa toma de posesión que fixa como a súa primeira gran prioridade a organización dos actos de homenaxe ao Roberto Vidal Bolaño, vítima colateral das disputas na rúa Tabernas.
O portal das palabras
A revolución das novas tecnoloxías. O ambicioso Portal das Palabras, unha web con importantes recursos lingüísticos deseñada pola Real Academia Galega en colaboración coa Fundación Barrié, ía ser presentado o pasado 17 de abril, pero o proceso electoral na institución tamén obrigou a aprazar a presentación dun dos proxectos máis renovadores das últimas décadas. A RAG tamén ten que poñer en marcha as novas aplicacións para a consulta do dicionario en liña nos dispositivos móbiles (tabletas e teléfonos).
Ingresos pendentes
Fina Casalderrey e Pegerto Saavedra tomarán posesión das súas cadeiras. As recentes convulsións internas na Academia Galega, e mesmo a falta de fondos económicos, retrasaron as cerimonias de ingreso na corporación dos académicos electos Pegerto Saavedra e Fina Casalderrey, que segundo avanzou Alonso Montero tomarán posesión das súas cadeiras no prazo máis breve posible. Con estas dúas incorporacións o plenario quedará formado por 29 académicos e só permanecerá baleira, por acordo unánime da corporación, a cadeira do expresidente Ferrín.
O financiamento
A gran loita do último mandato. O punto fundamental do mandato de Ferrín foi a loita por obter un financiamento estable por parte das Administracións. Logrou que o Ministerio de Cultura equiparara a transferencia á RAG coas que teñen o Institut d?Estudis Catalans ou a Academia Vasca (341.000 euros). Pero segue pendente que a Xunta aporte unha partida fixa que permita deseñar unha programación plurianual. Actualmente a RAG ten que pactar ano a ano co presidente da Xunta os fondos públicos que recibe do Goberno galego. Neste 2013 aportará 235.000 euros desde a Consellería de Cultura e 285.000 con cargo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O decreto do galego
Recurso perante o Tribunal Supremo. O pasado 4 de marzo a Real Academia Galega, entón presidida aínda por Ferrín, tramitou ante o Supremo un recurso de casación contra a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulaba parcialmente o decreto do plurilingüismo. Concretamente, o TSXG ordenaba suprimir os puntos relativos á consulta aos pais e á elección por parte dos alumnos da lingua que utilizan nas diferentes materias. A RAG pediu ao Supremo a anulación total do decreto e a volta ao Plan de Normalización do 2004. A Xunta vén de reiterar que non recorrerá esta sentencia, e o novo presidente da RAG insistiu estes días en que manterá o recurso de casación perante o Supremo e mesmo irá a instancias europeas «ou se é necesario á ONU» para reclamar a anulación total do decreto. Malia estas manifestacións públicas, desde varios sectores acusouse á candidatura de Alonso de querer chegar a un acordo coa Xunta para retirar o recurso.
A xestión do persoal
Posta en marcha do novo protocolo de contratación. A política de persoal estivo no centro da polémica vivida na RAG durante os últimos meses. A presenza na rúa Tabernas de varios familiares de membros da executiva derivou nun forte debate interno que, finalmente, se traduciu nun acordo unánime para crear un novo protocolo de contratación que garanta a transparencia. A nova executiva será a encargada de concretar e poñer en marcha o proceso.