«Agora temos que aprender ben cal é o estado da institución»

camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xesús Alonso Montero, na comparecencia tras ser elixido presidente da RAG.
Xesús Alonso Montero, na comparecencia tras ser elixido presidente da RAG. César QuiAn< / span>

O relevo e as Letras Galegas, primeiras actividades da nova executiva

21 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Xesús Alonso Montero estreou a primeira hora da tarde a súa nova condición de presidente da Real Academia Galega. Unha condición á que chega, segundo explicou reiteradamente, porque cre «nas institucións públicas e creo que a Academia está por riba das miñas intencións de descanso de xubilado».

-¿Como se sente como novo presidente da Academia despois dunha campaña tan disputada?

-Digamos que a campaña fatigoume moito. Había un tema de fondo, unhas irregularidades, vamos a chamarlle así, sobre o que non era procedente ser moi explícito. Non sempre as declaracións coas que un se atopaba eran declaracións que un puidese responder como quixera. Houbo sempre unha prudencia, a mesma que houbo hoxe [por onte] para a celebración do plenario.

-¿A campaña foi máis dura do que tiña previsto?

-Estou satisfeito de como levamos a campaña. No esencial, tamén estou satisfeito de como foron as deliberacións do plenario e tamén das declaracións dos membros significados, sobre todo as realizadas por Manuel González, da outra candidatura, respecto ao futuro da Academia.

-Falou de crear un clima de concordia. ¿Como prevé a situación da institución nesta nova etapa?

-Todos os académicos debémonos á Academia e ás súas actividades no sentido que ten para min a institución que, como digo en tantas ocasións, é responsable da norma que rexe o galego.

-¿Cales serán as primeiras accións como presidente?

-O primeiro será organizar o relevo detallado, saúdar á xente que traballa na Academia. Farémolo de xeito máis formal un pouco máis adiante. Nós agora temos que aprender ben cal é o estado da institución, saber que convenios hai en marcha, que actividades están programadas e en que momento están.

-Tamén está moi cerca a celebración do Día das Letras Galegas.

-Agora mesmo non sei en que momento está a organización das actividades da Academia arredor desta celebración que, como todo o mundo sabe, é principal no calendario da nosa institución. Non sabemos aínda cales serán os catro oradores que van intervir no acto. Pero nós queremos que no Día das Letras Galegas o protagonismo sexa para Roberto Vidal Bolaño e que teña a relevancia que merece. Creo que estas serán as primeiras tarefas que poremos en marcha durante a semana próxima.

xesús alonso montero novo presidente da RAG