Por Agustín Fernández Paz, un dos autores máis lidos por rapaces e adultos
23 dic 2012 . Actualizado a las 06:00 h.Desde o alto, distinguiu unha aglomeración de xente arredor dun edificio inundado de luces. Un lugar ideal para iniciar a investigación que o traía á Terra. Seleccionou unha persoa que permanecía inmóbil e introduciuse nela.
O home non notou nada, agás un lixeiro calafrío que atribuíu ao aire xélido daquela tarde. A translación funcionara sen problemas, e Xhantl foi asimilando aos poucos a nova realidade. Estaba na Terra, no interior dun humano, e experimentaba por vez primeira a estraña sensación de ser el e, ao tempo, ser outro diferente.
A persoa chamábase Moncho e levaba máis de tres horas de pé, diante daquelas portas polas que entraba e saía un río de xente. Os que marchaban, cargados de bolsas e paquetes, pasaban ao seu carón sen repararen nel. Só alguén, de cando en vez, depositaba unha moedas no bote que sostiña na man dereita.
Xhantl ficou abraiado coa fervenza de sensacións e sentimentos que Moncho albergaba. Cansazo, frío, dor nos pés. Desexo de berrar, de rebelarse ante aquela exhibición de riqueza. Vergonza de se atopar alí. De sentir as olladas de desprezo, ou de noxo, ou de indiferenza, ou de mágoa, que de todo había. A amarga sensación de invisibilidade, de non ser ninguén.
Comezaba a empardecer, e decidiu marchar. De camiño, pasou por unha praza onde algúns adolescentes colocaran un gran cartel, «ÁRBORE DOS DESEXOS», ao pé dunha moreira que estendía xenerosa as súas pólas espidas. Invitaban a canta persoa pasaba a escribir un desexo nunha tarxeta e pendurala logo da árbore.
Tras uns momentos de dúbida, Moncho achegouse ao banco onde unha rapaza sostiña unha caixa con tarxetas de cores rechamantes. Colleu unha de cor verde e escribiu cun rotulador o seu maior desexo. E despois pendurouna nunha póla da moreira; cuberta de follas de cores, a árbore experimentaba unha inesperada primavera.
Xhantl achegouse e leu algúns daqueles desexos: «Que non haxa ninguén sen casa», «Que os poderosos deixen de roubarnos», «Quero ter un can como Milú», «Que algún ano me toque a lotería»...
A rapaza do banco irradiaba alegría, cun sorriso permanente nos ollos e nos labios. Xhantl non o dubidou: abandonou a Moncho e, nun instante fugaz, mudou para o interior de Sara. O entusiasmo e as ganas de vivir bulían no corpo daquela moza. Que ben, experimentar a calor que dá a alegría!
Algún tempo despois, os mozos recolleron as cousas e acordaron marchar. Un reloxo luminoso marcaba as nove, e tamén a data daquel día: 24, decembro. Camiño da casa de Sara, coas rúas cada vez máis baleiras, Xhantl observou unha especial animación nun baixo comercial onde os carteis de «ALÚGASE» case tapaban os vidros dos escaparates. Non o pensou máis: o extraterrestre afastouse de Sara e introduciuse no corpo de Paulo, un home de pelo roxo que falaba con expresión animada.
As seis persoas que alí se reuniran afanábanse en arranxar o sitio, estendendo cartóns no chan e, por riba deles, uns colchóns e os sacos de durmir. No centro, dúas caixas da froita, sobre as que colocaran os alimentos e bebidas daquela noite.
A luz dun cámping gas iluminaba aqueles rostros, máis animados conforme transcorrían os minutos. Cearon, beberon, riron; e cantaruxaron en voz baixa, non querían que ningún policía lles viñese estragar a noite.
-Logo hoxe non queredes algún conto?- preguntou Paulo.
Os outros xa debían saber da súa arte, porque se meteron nos sacos de durmir e se acomodaron sobre os colchóns. Fíxose o silencio e as palabras comezaron a agromar da boca de Paulo:
-Isto pasou nun lugar preto de Fisterra. Vivía alí unha muller que...
O relato fluía cada vez con maior lixeireza e iluminaba os ollos de todos. E Xhantl, fascinado ante aquela fervenza de palabras, comprendeu por fin por que os científicos do seu planeta se interesaban tanto polos habitantes da Terra. Posuían o don marabilloso de imaxinar, de crear outros mundos e novas vidas por medio das palabras. Si, ficaría no corpo de Paulo, aprendendo aquela habilidade marabillosa: o engado das historias, a maxia das palabras que aniña -durmida, ás veces- no interior de todas as persoas.
Nacido en Vilalba en 1947, é un dos autores máis lidos por rapaces e adultos. Premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no 2008, entre os seus títulos destacan Cartas de inverno, Contos por palabras, O único que queda é o amor e Non hai noite tan longa. A súa obra está traducida a diversos idiomas.