«O século XX tivo o máis sublime e o máis indigno»

CAMILO Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O libro de Villares incorpora feitos recentes da historia.
O libro de Villares incorpora feitos recentes da historia. xoán a. soler< / span>

O historiador galego salienta a importancia que tivo para a situación actual a crise do petróleo dos anos setenta

07 oct 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Ramón Villares e Ángel Bahamonte acaban de publicar unha ampliación do seu libro El mundo contemporáneo: del siglo XIX al XXI, (Taurus) incorporando os feitos máis recentes da historia do mundo.

-¿Cales son as dificultades da historia contemporánea?

-Hai que distinguir entre a historia contemporánea e a historia do presente. A contemporánea xa ten uns métodos e unhas fontes específicas que se poden asimilar a calquera outra época da historia. Os feitos están decantados e as interpretacións, podendo ser diferentes, xa teñen unha tradición de contraste. Os grandes fitos xa están marcados, aínda que se poida dar máis importancia a uns que a outros. É moito máis difícil a historia do presente porque carece de toda esa decantación. O mellor na historia do presente é dar testemuña do que sucede.

-O século XX ten fama de ser o máis cruel da historia. Revisado con perspectiva histórica, ¿xustifica esa fama?

-Creo que Eric Hobsbawm, que faleceu a semana pasada, dicía que «se a humanidade sobreviviu ao século XX, hai humanidade para rato». Creo que é un século que ten o mellor e o peor. Ten os actos máis sublimes na arte e na ciencia, os grandes avances en medicina, física e bioloxía son fantásticos e modificaron substancialmente a nosa vida. Pero tamén ten as máis grandes demostracións da indignidade e da miseria humana porque o século XX é Auschwitz, son os jemeres rojos de Camboia, é o gulag.

-A interpretación do século pasado sitúa á Segunda Guerra Mundial como feito chave. ¿Segue sendo así?

-A periodización da historia é unha das preocupacións do historiador. Non é o mesmo comezar o mundo moderno na caída de Constantinopla que na descuberta de América. Cada escolla implica un xeito de entender o pasado e o presente. Eu sosteño, e así está no libro, que o que marcou o século XX foi a Primeira Guerra Mundial porque foi a que realmente rompeu os esquemas do mundo tradicional. A segunda é unha consecuencia da primeira. O fenómeno da sociedade de masas é central en todo o século XX, pero a transformación prodúcese na primeira guerra.

-¿Que outros fitos marcan o século pasado?

-Agora estamos buscando unha referencia para o seu último cuarto. A caída do muro de Berlín, a desaparición da Unión Soviética, incluso o 11-S. Pero non hai acordo sobre iso. Estruturalmente foron máis importantes os cambios tecnolóxicos e económicos da década dos setenta. A crise do petróleo foi moi importante e a chegada ao poder dunha xeración antikeynesiana que, pola influencia que tiveron, foi decisiva para a situación actual.

Ramón Villares historiador