-¿Que lle sorprendeu máis na investigación da vida do poeta?
-No lado humano, o elemento no que coinciden as máis das persoas que entrevistei: o seu carácter en primeira instancia tímido, mais tamén afable, aberto, extraordinariamente vitalista, cheo de simpatía e de enxeño -que neste caso adxectivarei como celanovés ou ourensán-, se cadra por acreditar que o seu perfil persoal distaba de ser así. Celso Emilio resulta, indubidablemente, herdeiro dese espírito dun galeguismo do grupo Nós.
-Estamos asistindo a unha recuperación da valoración de Ferreiro como poeta. ¿Axudan os malos tempos?
-É probable. O seu discurso literario é contemporáneo nas formas e nos contidos. Esa innegable vea reivindicativa que agroma aquí e acolá na súa obra resulta case unha profecía... Un dos poemas que estou moi contento de rescatar este ano titúlase O atraco, que comeza dicindo «Maus arriba e boa abaixo o pobo».