Cando a adolescente anunciou que ía un momento ao baño, apurei o cortado, acabándoo dun grolo. Estaba tan cansa e ofuscada que necesitara determe a tomar un café.
Pousei a cunca no prato e encareime con Lolo.
-Para que me traes esa cría?
Lolo tatexou. Non o deixei falar.
-Queres deitarte con ela, non é?
En canto o dixen, arrepentinme das miñas palabras. Ás veces son demasiado directa, demasiado impulsiva e sincera. Lolo tiña as meixelas avermelladas. Apureime a engadir:
-Paréceme ben, pero este non é o momento. Preciso falar contigo en serio.
-Non cho podo explicar agora- dixo-, pero non puiden facer outra cousa que permitirlle que me acompañase.
Ceibei un salaio, xogando coa cunca do café. Logo mireino aos ollos.
-É moi importante para min falar hoxe contigo. Teño que tomar unha decisión relevante sobre o meu futuro e quero saber se podo contar contigo.
Lolo fitábame, intrigado. Sei que se sentía incómodo coas miñas palabras.
-Ofrecéronme dar clases de economía e novas tecnoloxías aplicadas á empresa nunha universidade americana. Se acepto, teño que marchar a vivir a Estados Unidos.
Fíxose un silencio, que durou varios segundos.
-Non podo dicir que me alegre- dixo finalmente. Eu sabía que non se alegraba, porque seguía acusando déficit pola parella que un día formaramos.
Polo fondo da cafetería a cría saía do corredor do baño. Apurei as miñas palabras:
-Quero que coñezas os principais clientes da Coruña, porque son importantes. Se marcho, gustaríame que asumises ti a dirección da empresa. E é fundamental que controles toda a nosa engrenaxe.
-Ola!- dixo con notoriedade a rapaza cando chegou onda nós.
Ningún dos dous contestou. Estabamos demasiado serios como para facelo. Ela decatouse da tensión e non se entremeteu.
-Veña, marchamos- ordenei-. Aínda queda camiño abondo por facer.
Paguei os cafés e mirei para Lolo:
-Entendes agora por que precisaba falar contigo sen interferencias?
Sempre confiara na súa profesionalidade. Lolo era unha persoa competente e honesta. Había dous anos montara, xunto co seu irmán, un taller mecánico onde os propios clientes cambian as pezas e reparan os vehículos, asesorados polo taller. Íalles francamente ben e agora repartía o tempo entre o seu taller e a miña empresa. A oferta ía esixirlle dedicación case exclusiva.
Saín da cafetería máis animada. Cando menos, explicáralle a Lolo cal era a situación. Non sabía que pensaba, pero estaba segura de que el intuía que a miña oferta económica sería boa. Tamén tiña a certeza de que para el significaba un reto profesional. Sería como botarme un pulso. El tería autonomía pero eu seguiría auditando a empresa grazas ás novas tecnoloxías. Parecíame unha boa fórmula, era como unha dirección sometida a un consello de administración.
-Así e todo, aínda non decidín se aceptar a oferta. Tamén me gustaría saber a túa opinión- aclareille cando chegamos ao aparcadoiro da Área de Servizo.
Naquel momento escoitei unhas rodas que rinchaban con agresividade. Contra o fondo do aparcadoiro un todoterreo dirixíase a toda pastilla, á abordaxe, contra os pivotes que marcaban a separación entre os coches que viaxaban nun ou noutro sentido, impedindo o paso. O condutor embestiunos sen contemplacións e, malia recibir un considerable impacto, logrou derrubar un deles, chimpando sobre o pavimento. Ao invadir o outro lado do aparcadoiro, o vehículo, un Nissan Patrol, afundiuse de fociños, rebotou, e finalmente desestabilizouse, facendo que o condutor perdese o control e fose bater, ao fondo, contra o lateral do meu camión.