«Grial» aborda a faceta emprendedora do persoeiro e Isaac Díaz Pardo

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

03 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

As experiencias económicas emprendidas por Valentín Paz Andrade e Isaac Díaz Pardo protagonizan o monográfico correspondente ao número 193 da revista Grial. Xoán López Facal, Uxío Labarta, Fernando Salgado, Xosé A. Fraga e Ramón Villares asinan os ensaios. A parte monográfica complétase con escritos dos mesmos Valentín Paz Andrade, que aborda o Instituto Gallego de Economía, e Isaac Díaz Pardo, coa Discusión sobre organización de industrias manufactureras e Carta a Valentín Paz Andrade.

Este número de Grial inclúe tamén una entrevista con Ramón Lugrís (Ferrol, 1932), realizada por Xosé Luís Franco Grande e Xulio Ríos. Nun diálogo a tres bandas repásanse algúns fitos relevantes do galeguismo de postguerra, a figura histórica de Ramón Piñeiro, a xeración dos primeiros mozos galeguistas da Universidade de Santiago nos anos cincuenta, o europeísmo federalista e o futuro da Unión Europea.

Tamén están as seccións Rego da Cultura (lembranza para Carlos Casares, de quen se cumpren dez anos da súa morte), Creación, Espello das Letras, Temas do Noso Tempo (reflexión sobre a lusofonía, por Serafín Alonso Pintos e Henrique Monteagudo), Crónica (Inma López Silva), a recuperación da entrevista que Margarita Ledo mantivo nos setenta con Antoni Tàpies, recentemente falecido, un ensaio sobre os desafíos do xornalismo (Carlos Reigosa) e o texto da conferencia que o escritor e poeta Xosé María Álvarez Cáccamo ofreceu co gallo da entrega de documentos do seu pai á Fundación Penzol.