O novo selo Punto G Edicións estréase con «O clan do oso das cavernas», de Jean M. Auel

redacción / la voz

CULTURA

O éxito desta serie atópase en que, grazas ás súas narracións, os lectores poden mergullarse na Idade de Pedra: un tipo de novela histórica diferente á da época antiga ou a Idade Media

09 abr 2012 . Actualizado a las 07:10 h.

Un novo selo nace en Galicia, Punto G Edicións, e estréase cun libro de éxito, O clan do oso das cavernas, o primeiro volume dunha serie de seis que xa leva vendidos máis de 45 millóns de exemplares en todo o mundo. Trátase de Os fillos da Terra, da autora norteamericana Jean M. Auel, e que agora se traduce por vez primeira ao galego.

Publicada orixinariamente en 1980, O clan do oso das cavernas continúa a ser un dos libros máis vendidos e lidos. Conta a historia de Ayla, unha nena cromañón que despois dun terremoto perde a súa tribo. A piques de morrer, é rescatada por unha tribo de neandertais e sandada pola súa curandeira, que a acolle como a súa filla adoptiva.

O éxito desta serie atópase en que, grazas ás súas narracións, os lectores poden mergullarse na Idade de Pedra: un tipo de novela histórica diferente á da época antiga ou a Idade Media.

Os responsables de Punto G afirman que con este lanzamento pretenden «sintonizar cos gustos lectores maioritarios» e ofrecer ao público galego títulos de éxito traducidos á súa lingua, do que isto é o primeiro chanzo.