Presentan«Bretemada» como un «enorme poema épico de Galicia»

rodri garcía A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

ÓSCAR PARÍS

Alvarellos salientou a importancia desta obra inédita de López Abente

21 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A noite era de brétema e orballo. No salón de actos da Real Academia Galega ía entrando xente. «Vimos da Costa da Morte, de Santiago e da Coruña para celebrar un acto necesario, de xustiza». Isto dicía onte Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente. Era a presentación do poemario inédito Bretemada, do autor de Muxía, un texto que estivo esquecido moitos anos, precisamente na sede da RAG, ata que foi descuberto por Enrique Vasques Sousa, tal e como lembraba Miro Villar.

«O cerne deste libro é a reivindicación da normalización deste país», apuntaba Corcón, despois de lembrar que fora escrito entre 1917 e 1922. Tamén afirmou que aínda que Gonzalo López Abente morreu en 1963 «permanece vivo na memoria e na vida de moita xente de Muxía». Mesmo había na sala «xente que o tratou», apuntou Corcón, que tamén lembrou a creación hai un ano da fundación que leva o nome do poeta e «o acaído limiar que para esta edición fixo Méndez Ferrín».

Olivia Rodríguez, que dirixe a colección Rescate, na que está publicado Bretemada, salientou que López Abente «amosouse como habelencioso versificador». Asegurou así mesmo que foi «un perfecto sonetista» e que este texto de cen versos é «un enorme poema épico de Galicia». Neste senso, lembrou a Vicente Risco, defensor, xunto con Murguía, da necesidade de que Galicia contase cun gran poema épico «como podía ser Os Eoas»; este último «non se sabía que estaba acabado ata que o descubriu, tamén aquí na Academia, o profesor Manuel Ferreiro». Olivia Rodríguez salientou «a enorme riqueza dos fondos da Academia» e animou aos seus responsables a coeditalos.