O Parlamento avala o 2012 como o ano de Celso Emilio Ferreiro

domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A Xunta asumirá a proposta e elaborará un programa para honrar ao poeta

12 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Parlamento galego considera que Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912) foi un dos poetas «máis influentes» do século pasado, renovador e comprometido coa defensa das liberdades, ao tempo que «inspirador» para moitos creadores que o sucederon. Estas son algunhas das razóns argüídas onte polos grupos políticos na Cámara antes de aprobar por unanimidade unha iniciativa na que se pide á Xunta que declare o 2012 como ano de Celso Emilio co fin de «honrar» ao poeta social por excelencia no centenario do seu nacemento.

Pese ao consenso que acabou suscitando a proposta defendida polo grupo do PP, o debate parlamentario non estivo exento de polémica, toda vez que o deputado popular Agustín Baamonde chegou a mostrar a Celso Emilio Ferreiro como un «defensor da liberdade de uso» entre o galego e o castelán, ao lembrar que produciu obra en ambas as dúas linguas. Esta mención alporizou aos representantes das bancadas da esquerda, que non só recordaron que o poeta foi cofundador da Unión do Povo Galego (UPG), hoxe o partido matriz do BNG, e máis tarde candidato ao Senado polo PSG de Beiras, senón que acusaron ao de PP de tentar facer unha «manipulación» da súa biografía.

«Non é un representante do bilingüismo harmónico», advertiu a socialista Concepción Burgo, mentres rescataba unha entrevista do autor no que confesaba que, ás veces, veuse «forzado» a escribir en castelán. A nacionalista Ana Pontón foi máis aló e remachou que a vida de Celso Emilio «é incómoda» para un grupo que «aínda non condenou o franquismo».