Reclaman o Día das Letras Galegas para Xosé María Díaz Castro

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Unha obra de Xosé Cid lembra a Xosé María Díaz na Insua dos Poetas de O Irixo.
Unha obra de Xosé Cid lembra a Xosé María Díaz na Insua dos Poetas de O Irixo. santi m. amil< / span>

O 50.º aniversario de «Nimbos» foi conmemorado na Festa da Palabra

10 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A conmemoración do 50.º aniversario da publicación de Nimbos e a figura do poeta Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, 1914-Lugo, 1990) centraron a celebración da terceira edición da Festa da Palabra, convocatoria anual que se celebra na Insua dos Poetas, en Madarnás (O Carballiño).

A festa organizada pola Fundación Insua dos Poetas, que preside Luís González Tosar, incorporou este ano novidades con respecto ás convocatorias anteriores, como foi a entrega dos primeiros premios Sete Carballas e o desvelamento dunha escultura de Xosé Cid, unha alegoría da obra de Díaz Castro titulada Nimbos de luz que na súa base leva gravados os primeiros versos de Penélope, un dos poemas de Nimbos.

O profesor Luciano Rodríguez foi o encargado de facer unha lembranza do homenaxeado e o organizador da convocatoria, Luís González Tosar, reivindicou a xuntanza da Insua dos Poetas como «un acto de irmandade» onde se dan cita a cultura e a natureza. No seu discurso, o poeta Tosar lembrou que foron Ramón Piñeiro e Fernández del Riego os que «obrigaron» a Díaz Castro a crear Nimbos, «porque así llo viñan reclamando dende 1955», e que o «poeta extraordinario» ao que Otero Pedrayo saudou coa publicación do citado poemario «merece que se lle dedique o Día das Letras Galegas».

No resto das intervencións, Anxo Lorenzo fixo un chamamento a seguir «facendo lingua e país a pesares das diferenzas que todos podamos poñer enriba da mesa». O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, definiu a cita da Insua dos Poetas como «un encontro e un espazo para fornecer a galeguidade» e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, falou do «compromiso do poeta coa palabra, co ser humano e con Galicia» e asegurou que «Nimbos é unha obra de tal calidade que por si soa basta para colocar a Díaz Castro no parnaso literario de Galicia». Para a festa editouse unha carpeta conmemorativa sobre o autor con 41 láminas.