Collo emprestado o significativo sintagma que empregou Tucho Calvo para titular un marabilloso, e desde agora insubstituíble, libro de conversas publicado en Ediciós do Castro hai catorce anos. Porque, en efecto, debruzarse sobre a biografía de Paz Andrade é facelo sobre a memoria política, literaria, empresarial, xornalística e cultural do século XX galego. Á marxe de quedaren fóra, provisoriamente, importantes nomes que ben merecerían a designación, a decisión que adopta a Real Academia Galega é importante pois o acordo que se produce no seu seo determina, orienta e institucionaliza a obra dun autor ou autora, case sempre precisado destes impulsos, xerando unha dinámica singular sobre a realidade social galega, nomeadamente nos sectores educativos, editoriais e culturais desde hoxe ata dentro de un ano.
Pensando niso, designar a Valentín Paz Andrade como protagonista das Letras Galegas do vindeiro ano, tras a intensidade que significou Lois Pereiro, paréceme unha escolla loxicamente menos arriscada pero talvez precisa, pois é innegable a solidez da súa achega literaria, na que amosou especial predilección pola poesía, pola fórmula do artigo xornalístico e, teño para min que en primeira instancia, polo ensaio, e talvez veña sendo moita hora de reivindicar con forza a importancia que este xénero tivo e ten para a nosa literatura.
Vocación universalista
Mais Valentín Paz Andrade, alén de todo iso, amosa un perfil polifacético de vocación claramente universalista no que cumprirá afondar pois protagonizou, ou coprotagonizou, moitos acontecementos que agora deberán ser revisados e avaliados na súa xusta media como son o seu labor político galeguista, o xornalístico ou o estritamente empresarial. Á espera do que ha de vir, e penso sobre todo en edicións accesibles da obra de Paz Andrade, volvo abrir tres libros: o traballo arriba aludido de Tucho Calvo, un completo ensaio de Charo Portela e a conversa de Víctor F. Freixanes no seu Unha ducia de galegos..., para ir comezando.