Os editores reducirán un 20% o número de títulos en galego

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ.

CULTURA

Bragado anuncia tamén tiraxes máis curtas, e Freixanes asegura que a Feira do Libro da Coruña «é a feira de Galicia»

09 ago 2010 . Actualizado a las 15:22 h.

Colgado dunha grúa a 30 metros de altura, o mago Pablo Volta presentaba o seu libro sobre o mundo da maxia en Galicia, cun número de ilusionismo ao estilo Houdin. «O que hai que facer por vender un libro», rosmaba un dos curiosos que asistían ao espectáculo. Pero nin con grúa parece que o sector do libro atopa o camiño para escapar da crise: «De aquí a fin de ano vaise notar unha redución como mínimo dun 20 por cento dos títulos previstos». Isto apunta Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores Galegos e director de Xerais despois de indicar que a Feira do Libro da Coruña, que pecha mañá, martes, é un dos tres termómetros anuais sobre a situación do sector en Galicia. Os outros dous son «do 23 de abril ata o 17 de maio, o Día das Letras, e o mes de Nadal».

Sobre a feira coruñesa salienta a masiva asistencia de público, «non sabemos aínda se esa presenza se traduce en consumo», di o presidente dos editores, despois de afirmar: «Eu si que vexo a crise no punto de venda, nas librerías, aí hai unha diminución nas vendas de todas as liñas literarias e sobre todo véndese moito menos do libro de agasallo».

De todos os xeitos, «isto xa vén desde setembro do ano pasado, aínda que este verán parece que hai certos repuntes».

No caso concreto de Edicións Xerais, Bragado amósase «moi optimista cara a fin de ano, porque imos publicar novelas de Diego Ameixeiras ou de Manolo Rivas e agardamos que esas tiren das vendas».

En canto as tiraxes, explica Bragado que tamén se están reducindo e cando antes eran de 1.400-1.500 exemplares agora están nos mil «e en poesía moi por debaixo, moitos menos».

Galaxia mantén as previsións

De todo os xeitos, Víctor Fernández Freixanes asegura que a tiraxe «non é un indicativo, xa que coas tecnoloxías actuais poden facerse as chamadas tiraxes de exploración, 500 ou 600 exemplares para ver como funciona un libro, e se vai ben logo fanse reimpresións».

Freixanes apunta que en Galaxia «mantemos o ritmo da edición, aínda que somos moi selectivos na programación; a finais de ano estaremos nos 100-120 títulos anuais, porque moitas son coleccións abertas». De todos os xeitos, di que proxectos «de risco» como a tradución das grandes obras ou de clásicos universais, «que eran apostas de facer país, tivemos que paralos porque perdemos os compañeiros de camiño e hoxe en día estamos sos». Coa actual «incerteza do mercado», Freixanes, que cualifica o certame do libro da Coruña como «a feira de Galicia», anuncia a necesidade «dunha profunda reflexión» diante dun horizonte «difícil de imaxinar»