Na pintura de Xosé Luís de Dios hai numerosos sinais de que o mundo non é o mellor dos posibles. Sinais evidentes de que o pesimismo é un xeito inevitable de realismo consecuente, mesmo sen ter en conta as estatísticas, e de que a única batalla decente por librar é aquela que nos permitise ser mellores en lugar de máis hábiles.
Os sinais están espallados con lucidez por toda a súa obra de xeito que, alí onde as figuras silenciosas acordan entre unha tormenta de signos, o que prevalece é a identificación do humano, case como unha tarefa shakesperiana.
De Dios foi o menos artistiña desa xeración con nome irónico e sen embargo foi, con Virxilio, o máis influído pola heterodoxia que o pop deixou nos artistas. Unha heterodoxia formal sometida a unha única disciplina: a pintura como forma de pensamento. En máis dun sentido o proceder do artista de Ourense foi o pensamento lector: un proceso no que en sentido organizado están dispostos observación, análise, reflexión e decantación en linguaxe pictórica, co seu drama e a súa comedia, do resultado. Un proceso culto que aínda aceptaba a intuición como ferramenta de entretecer.
A pintura de De Dios foi intensa e colorista, axitada pola contestación aos sinais máis brutos dos tempos. Mantida polo sentido do diálogo con aquilo que hai uns anos se chamaba cultura, viñese de Atenas ou de Liverpool. Un diálogo co espectador que permitía, como todas as obras que valen, máis dun sentido da interpretación.
Non foi un pintor exhibicionista e tampouco se deixou levar polas liñas máis inestables da pintura. Non especulou porque quizais este tipo de exercicios foron considerados polo artista como traballo de taller.
Xosé Luís de Dios foi un pintor rigoroso e nunca pensou que houbese outra forma de pensamento que non fose crítico. Tampouco se deixou enganar pola dramatización do pensamento e manexou en vida e obra unha irónica distancia contra os escaparates e as luces. Pero non foi unha distancia estratéxica. Porque esa mesma distancia foina mantendo coas glorias do seu traballo. Porque soubo que o que ha ser para todos ten que ser para un.