«Escribo desde o amor»

CULTURA

Vicente Araguas (1950), voz destacada das letras galegas actuais, volve á narrativa co libro de relatos «Xuvia-Neda»

26 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Poeta, tradutor, profesor de literatura, ensaísta, columnista, crítico literario... Poucos son os ámbitos da escritura nos que non ten unha firme presenza Vicente Araguas (1950), unha das voces fundamentais das letras galegas contemporáneas. Agora volve á narrativa co libro de relatos Xuvia-Neda (Xerais).

-Xuvia, e máis concretamente a Xuvia que pertence a Neda, é o seu particular territorio máxico. ¡Moita emoción leva dentro de si este libro...!

-Xuvia e Neda son o meu espazo mítico, desexado e desexable. Por iso volvo a el de continuo. Ora, fuxindo da tentación localista ou anecdótica. Eses xuízos quedan para a tropa da envexa que me chamaron «veraneante» cando o Concello de Neda tivo a ben facerme fillo predilecto, o máis bonito que me pasou na vida. Fillo, porque nacín no Portago de Xuvia. E predilecto porque lles petou a quen pensan que se unha bandeira levo polo mundo adiante é, xustamente, a de Neda. Teño tocado Xuvia, e Neda, matria e patria, desde a poesía; tamén en certa medida a partir da novela A canción do verán . Agora aló van estas dúas ducias de relatos. Para dicir o de sempre como nunca. Probando, tentando, experimentando. Facendo do corazón bandeira despregada nun espazo menos contido que o lírico. Máis a favor de Calíope que de Erato. Polo menos desta volta.

-Sen amar, ¿pódese escribir algo que pague a pena?

-Cito unha vez máis a Allen Gingsberg: «O peso do mundo é o amor». E fago meu este verso para dicir que si, que escribo desde o amor, como arrebato e como reflexión. Escribo porque quero. E quero porque escribo. Mais con amor fervenza e non co amor encoro ou melindre.

-¿Que pensou incluír neste libro pero deixou fóra?

-No faiado ficaron moitas historias que terán sitio cando sexa mester. Ou non. A literatura é a que empurra de nós. Con todo, sigo a pensar que todos, absolutamente todos, temos mil cousas que contar. O conto é como facelo. Eu sería unha miguiña feliz se en Xuvia-Neda tivese atopado esa maneira.

-¿Leva vostede consigo o Araguas poeta cando se converte en narrador, ou prefire deixalo entre os seus versos?

-Eu supoño que todo vai no mesmo bote. Como aquel frade do conto que non fumaba ao rezar senón que rezaba ao fumar, non sei. O que teño claro é que faga o que faga, aí estou dando todo, como na canción: alma, corazón e vida. E non hai máis.