Os libros que nos unen

Francisco López

CULTURA

23 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Festa do Libro, dentro da celebración do Ano da Lectura, invítanos a unha reflexión profunda respecto do que significamos culturalmente no eido da palabra. Por unha parte, temos a incerteza respecto do futuro do que constituíu o instrumento máis sólido de transmisión de pensamento, de ideas e de proxectos transformadores da realidade; e por outra, contamos coa nosa capacidade de adaptación e de comprensión das circunstancias, que nos trouxo desde as elites restrinxidas que apoiaron o galego nos tempos difíciles a unha actualidade editorial puxante e profesionalizada.

Desde a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, queremos pór de manifesto e alentar o valioso capital intelectual atesourado, onde, por fin, dexergamos a verdadeira achega ao mundo que compartimos. Como balance, podemos observar que, no eido do libro, Galicia pasou en moi pouco tempo de contar só con vontades illadas, malia que decididamente en prol da súa identidade, a desenvolver un sistema editorial de seu, con oferta propia e peso específico no conxunto da nosa economía. Hoxe, a maioría dos lectores poden acadar unha oferta galega suficiente en calquera eido, desde as fórmulas literarias de creación ata a técnica, o ensaio ou a divulgación. Contamos, amais, con aspectos sumamente alentadores para levar a cabo o noso labor, con boas posibilidades para desenvolvermos proxectos de alcance arredor do libro.

Materia identitaria

Teñamos en conta que o 90% da poboación está en disposición para ler en galego, o que significa que, desde a asunción da oficialidade, a identificación coa lingua propia de Galicia, no plano da escrita, virou radicalmente, para converter o noso código de comunicación en materia identitaria e recoñecida. Se a isto lle sumamos unha oferta editorial en constante progreso cuantitativo e cualitativo e unha ampliación importantísima no número e na proxección de persoas dedicadas á escrita, tanto literaria coma científica, divulgadora ou ensaística, veremos que, efectivamente, os alicerces presentan unha solidez acorde coas esixencias do momento, e sobre eles se asenta o magnífico repertorio bibliográfico que posuímos e o crecemento ao que aspiramos.

Naturalmente que existen outros elementos que nos invitan a mellorar as nosas actuacións verbo do libro, como, en primeiro lugar, situarmos as cotas de lectura en galego máis arriba do que se rexistra arestora. No entanto, estamos a tocar en estruturas que se moven moi devagar. Nesta fotografía quédanos claro que o noso futuro se orienta a manter o crecemento e a aproveitar espazos que nos poden resultar vantaxosos. Cábenos a posibilidade, por exemplo, de mellorar os hábitos de lectura de libros entre a poboación masculina, tradicionalmente moi por baixo da feminina, ou en colectivos especiais pouco familiarizados coa letra impresa. Máis ca en competir, a nosa vontade está en ofrecer e facer patente a dignidade do que levamos construído, en convivir cos nosos veciños culturais, e en nos mantermos como elementos activos do diálogo mundial, máis alá dos espectadores que fomos, nunha experiencia na que soubemos tirar aprendizaxe, mais que, coa achega de todos, xa empezamos a contemplar como pasado.