«Non consta que en Galicia houbese arte nin relixión celta»

CULTURA

O autor galego reaviva a polémica sobre a presenza desta cultura na comunidade

09 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Francisco Calo (Porto do Son, 1948) reaviva no seu último libro Os Celtas. Unha (re) visión dende Galicia, (Xerais) unha cuestión tan antiga como polémica. ¿Houbo presenza ou ausencia de celtas en Galicia? -¿Por qué elixiu unha cuestión tan controvertida? -É un tema moi recorrente. É como o Guadiana, unhas veces aflora e outras desaparece. Houbo un tempo en que os arqueólogos non precisaban falar de celtas á hora de investigar, pero nas derradeiras décadas do século pasado os celtas rexurdiron en Europa e en toda a península Ibérica como tema de investigación e de polémica. Todas as vilas querían ter unha festa celta, querían facer unha reinvención dos celtas e isto non ten senso desde o punto de vista científico. Entón decidín traballar neste tema, partindo dos coñecementos que por aquí temos e de todo canto se está a dicir ao respecto en Europa. -¿E que é o que se di? -Un pouco de todo. En Irlanda son moi poucos os investigadores que defenden o celtismo antigo das illas, o mesmo que sucede no norte de Francia, na Bretaña, mentres que no sur hai un número maior de investigadores celtófilos. En España pasou algo parecido, houbo un grupo de profesores, centrados, sobre todo, na Universidade Complutense, que vía celtismo en todas partes e que empezaron a espallar a idea que todo era celta. Porén, por outro lado temos autores cunha visión máis sosegada e a pé de obra, entre os que me inclúo, que non vemos esa celticidade da que falan. -¿Cal é o seu punto de vista? -Eu non estou de acordo con esa celtidade, porque falar de celtas é falar de linguas, o mesmo que falar de latín ou de grego. Entón o asunto é analizar se na cultura castrexa se falaban linguas celtas ou non. E os lingüistas, agás un par de excepcións de formación alemá, sinalan que non atopan aquí ningunha lingua que sexa celta, din que temos linguas indoeuropeas, pero que non poden adscribirse ao celta. E os arqueólogos, cando escavamos nos diferentes xacementos da cultura castrexa, non apreciamos diferenzas que permitan pensar en xentes distintas. -Pero ¿vostede cree que existiron os celtas? -Eu non son anticeltista. Eu digo que cando se fala de celta non estamos falando nin de cultura, nin de arte, nin de relixión, senón que estamos a falar de lingua. Aquí, en Galicia, non parece que fosen celtas, independentemente de que algunhas palabras da toponimia ou do léxico común tivesen un étimo celta. ¿Houbo celtas en Galicia?, pois si. Pero se eran antigos, se eran moitos, poucos ou algúns, se viñeron na época romana ou xa estaban aquí antes... son as cuestións que hai que discutir. -Entón... -Non consta que en Galicia, houbese unha relixión céltica e moito menos podemos falar de druidismo, nin atopamos manifestacións artísticas de La Tène que nos permitirían enlazar con Centroeuropa, nin vemos ningún outro material que poidamos considerar similar ao empregado por pobos que si tiveron unha lingua celta... O único que queda é a lingua. Que houbo individuos que falaban unha lingua céltica en Galicia é innegable; pero o importante é investigar a súa antigüidade, a súa importancia numérica, a súa implantación no territorio... -¿E de onde vén a cultura castrexa? -É unha formación autóctona, unha evolución, seguramente con catalizadores foráneos, vía comercio, dos individuos do Bronce Final. Con independencia do que avancen as investigacións xenéticas, todo apunta a que neste territorio a poboación non foi alterada substancialmente desde, cando menos, o Megalitismo, o que significa varios milleiros de anos.