«Estou agradecido a esta Xunta pola súa amabilidade comigo e coa Academia»

La Voz

CULTURA

24 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Poderíase pensar que Xosé Luís Méndez Ferrín é un home diferente. Pero máis parece que garda para si calquera posicionamento persoal e que vestiu con orgullo un traxe formado por todos os académicos. De feito a súa presentación aos medios tras a elección levouse a cabo nunha rolda de prensa insólita na que estiveron presentes todos os académicos sen abandonar o lugar que ocuparan no plenario. E todos puideron facer uso da palabra, como Manuel González para fixar en 1.200.000 o presuposto anual que precisa a entidade, ou Axeitos ao significar que «unha das esencialidades da independencia da RAG probablemente vén dada do total e absoluto desamparo económico co que naceu e no que continúa». Ferrín soa coma un Mandela fotografado por John Carlin e disposto a xogar o papel institucional que lle corresponde á fronte da Academia.

-Tense repetido que vostede non era o candidato desexado pola Xunta.

-Eu entendo que iso son especulacións periodísticas. Penso que a miña candidatura non tiña por que gustar nin non gustar. Ao longo de todos estes meses, desde que está este Goberno, por unha razón ou outra tiven que coincidir cos conselleiros de Cultura e de Educación que me trataron moi ben. E o presidente tamén. Non creo que teñan un servizo secreto nin unha CIA para facer sabotaxes... iso non é certo ou eu non o sinto como tal. Á parte diso, estou agradecido aos membros desta Xunta pola súa amabilidade comigo e coa Academia. Saben gardar as formas.

-Pero hai un desamparo certo da RAG.

-Cando se soñou a Cidade da Cultura, a ninguén se lle ocorreu que un deses marabillosos edificios modernos podía dar cabida á delegación da RAG na capital de Galicia. Nós, conste que estamos moi ben na Coruña. Aquí foi creada, aquí viviu e aquí será sempre a súa sede, claro. Pero tamén temos previsto que haxa delegacións. Se fósemos ricos habería en Vigo, en Santiago, en Lugo...

-O apoio logo unánime, aumenta as posibilidades de fallarlle a alguén.

-Penso que a contradición e a discusión xeran a luz. Teño unha concepción dialéctica do mundo e penso que se non houbese puntos de vista diversos esta academia sería unha entidade morta.