«Memorias rotas» estréase hoxe no Rosalía de Castro da Coruña

CULTURA

A Coruña acolle hoxe a estrea da longametraxe documental Memorias rotas, de Manane Rodríguez, unha das poucas crónicas audiovisuais existentes referidas á Guerra Civil española en Galicia.

Na estrea, ás 20.00 horas no Teatro Rosalía de Castro, acompañando á directora e aos membros do equipo técnico estarán algúns dos seus protagonistas, que 72 anos despois colaboraron na reparación cívica e moral das vítimas.

Rodada durante 2008 e 2009, en varias fases e diferentes localizacións de Asturias e Galicia, a película céntrase no destino dun grupo de milicianos do batallón Galicia que loitaron na fronte norte republicana e foron dados por desaparecidos, liderados polo anarquista coruñés José Moreno Torres, o comandante Moreno. O guión sigue o fío dun romance popular a través dos relatos dos protagonistas e dos seus descendentes, á vez que traza un mosaico de informacións que suxiren a dolorosa atmosfera da Guerra Civil.

A historia arranca no mes de outubro de 1937, coa caída de Asturias en mans do exército franquista e cos combatentes republicanos intentando fuxir por mar. Un grupo de galegos, pertencentes ao batallón Galicia e liderados polo anarquista José Moreno Torres, unha vez fracasado o seu intento de fuxida, diríxense a Galicia e o seu rastro pérdese nos montes do Acevo, na fronteira entre Asturias e Galicia.

Nin os seus familiares nin os seus compañeiros souberon nunca cal fora o destino do grupo. Con todo, e a pesar da represión que instaurou durante anos o franquismo, nas aldeas próximas ao Acevo comezou a circular un romance popular que daba conta dos últimos momentos destes homes. Memorias rotas está producido por Xamalú Filmes en colaboración con Televisión de Galicia.