«O teatro é a escrita máis directa»

Os dos autores defenden o atractivo de escribir para a escena sobre calquera xénero


Están atrapados pola escrita animada do teatro. Os dous son teimudos e admiten que escribir é un vicio que custa deixar e que, en todo caso, non teñen pensado abandonar en breve nin aínda que o prohiban.

Pregunta. ¿Por que dedicándovos a escribir de xeito tan decidido preferides o teatro a outras maneiras máis recoñecidas como a narrativa?

Manuel Lourenzo. Para min o teatro é o máis directo. Cando penso en non escribir teatro penso en poñerme coas descricións, contar as accións, escribir unha serie de cousas que no teatro son innecesarias porque os personaxes contan o que necesitan falar. Cando me sento diante dun papel en branco sei que vai saír teatro. Ultimamente fixen un esforzo moi grande nunha obra que acabo de escribir para que falen só os pensamentos de dous personaxes porque a acción interior pode ser igual de acelerada que a física. Son dous personaxes que se encontran nun lugar perdido -os espazos son cruciais para min- e que posiblemente xa se coñecían antes de encontrarse. Non falan, o espectador pode escoitar o que cada un pensa. Como se fose o que vai antes do diálogo. Para min ten temperatura, pero non sei como pode quedar iso no escenario.

Rubén Ruibal. Agora que se maten os directores a montalo. Eu empecei a escribir narrativa e que acabase facendo teatro foi unha cousa que se relacionaba con que eu estaba facendo teatro. Foi despois de facer teatro cando me atrevín a escribilo porque, aínda que non estou seguro, creo que é moito máis difícil...

M.?L. Para min é o máis fácil.

R.?R. Creo que son resortes distintos. Sigo escribindo narrativa e mesmo algo de poesía desa que dá vergoña e que nunca sairá publicada. Cando falamos de teatro dende logo hai unha diferenza fundamental cando escoitas dicir a alguén o que escribiches, aínda que non che guste, aínda que non esteas de acordo coa maneira como o fai. O feito de poñer en escena o que ti imaxinaches é algo que a narrativa non che pode dar. Aínda hai outra vantaxe respecto á narrativa. Cando unha obra túa se monta e se representa consegues moitos máis lectores , é dicir, espectadores, dos que podes conseguir publicando un libro. Non sei se serán moitos máis, pero creo que consegues un número de lectores que pode ser sorprendente porque hai xente que nunca pasa por unha librería e que, non obstante, si que vai ao teatro.

M.?L. Para min todas esas cousas son tentacións. Unha vez vin unha obra de Harold Pinter protagonizada por un home e unha muller que levaban moitos anos sen verse, que tiñan outras parellas e falaban desas cousas normais. Foi tal a atención que lle prestei que houbo un momento en que pensei que era algo parvo. Pero logo tamén está, non sei se lle pasa a Rubén, o ánimo imitador.

R.?R. Eu son un copión.

M.?L. Unha vez vin unha película desas da tarde cunha xente que se reúne nun hotel de montaña algo illado e alí vai unha muller que sacou todos os cartos que tiña no banco para pagarse eses días de vacacións e ver se encontraba un marido entre os ricos que acudían para non ter que continuar coa súa vida cutre. Era tan angustiosa a película que non quixen ver o final. Pero a sensación que me quedou foi: quen me quitou esa idea tan boa, que xa non vou poder escribila. Algún día, despois de deformalo moito, aínda o farei.

R.?R. Eu creo que por moito que fagas, sempre hai alguén que o fixo antes.

M.?L. De todas formas tiña que facer unha observación acerca disto de escribir. Segundo pasan os anos, como a vida física se vai reducindo aumenta a interior e o resultado dese proceso, para min, é que paso moitas máis horas que nunca diante da máquina de escribir. Ás veces, penso que estou entrando no tempo acelerado aquel do que falaba Anxo Rei Ballesteros e digo que tamén hai que vivir, pero despois penso que a vida tamén é escribir. Pasoume xa que estiven no hospital e que necesitei unha máquina de escribir e unha vez que ma trouxeron non había ningún lugar axeitado para pousala.

R.?R. Iso pásache, Manolo, porque es un pervertido, porque escribes por vicio. A min pásame algo igual ou quizais peor porque ando sempre que me quero quitar dese vicio. Busco un Proxecto Home que me axude pero sempre acabo caendo.

P. Quizais se vos dedicásedes ao xornalismo quitábase o vicio...

M.?L. Eu vou saíndo a libro por ano. Son libros con pezas curtas, como o próximo que sairá con cinco obras.

R.?R. No meu caso van saír agora tres libros xuntos, pero non porque os escribira á par, senón porque se acumularon un pouco.

M.?L. Cando te vas facendo maior vas tendo un caixón con moitas cousas escritas.

P. Iso son os aforros.

R.?R. Eu, en lugar dun caixón, teño un disco duro no que ata deber haber novelas. Méteme un pouco de medo ese disco duro cando penso en revisalo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

«O teatro é a escrita máis directa»