Non todos os académicos aceptan a unión

La Voz

CULTURA

A unidade da que presumen os académicos galegos pode ser maioritaria, pero non é absoluta. Cando menos outros dous académicos veteranos admiten non acudir ás reunións do plenario nin ás actividades da Real Academia Galega por estar desconformes coa situación da RAG ou con algunhas das circunstancias dos últimos anos.

Xesús Alonso Montero sinala que hai «catro anos que non asisto ás actividades académicas por diferenzas con quen, parece, se postula agora como novo presidente [en alusión a Méndez Ferrín]». Montero sinala que está moi lonxe «dos asuntos da Academia».

Moi distanciado

Para Xosé Luís Franco Grande tampouco a institución é moi agradable. Explica o escritor que unha «Academia sen Alonso Montero e sen Paco del Riego é un lugar antipático, volveuse impresentable». Engade Franco Grande que, para el, «é como se non existise». Ambos os dous evitan pronunciarse sobre o futuro da Academia Galega e sobre candidaturas posibles unha vez que, segundo advirten, se manteñen moi distanciados dos asuntos que se manexan na actual directiva académica.