A película protagonizada por Luís Tosar superou os tres millóns de euros de recadación
20 nov 2009 . Actualizado a las 19:21 h.Camiño da afrontar a súa terceira fin de semana nas carteleiras españolas, Celda 211 , a longametraxe protagonizada por Luís Tosar e producida pola galega Vaca Films conseguiu espertar a curiosidade da industria norteamericana. Cando menos cinco produtoras estadounidenses preguntaron polas posibilidades de facerse cos dereitos da longametraxe para filmala en Hollywood. A industria norteamericana rastrexa o éxitos que poidan ter determinadas longametraxes nos mercados europeos. A pista da cinta Celda 211 para as produtoras norteamericanas comezou no seu paso polos festivais de Venecia e de Toronto. Neste último produciuse o primeiro contacto entre os representantes da película de Daniel Monzón e os primeiros dunha lista de produtoras estadounidenses que preguntaron pola posibilidade de refacer a historia para os espectadores norteamericanos. Aínda que o produtora da película de Monzón non detallou a situación actual das negociacións, ata cinco produtoras demostraron interese por facerse cos dereitos. Entre elas, Warner, a división europea da Paramount; a produtora que realizou o remake da película de Filmax Rec para o mercado USA, Screen Gems; a produtora de David Fincher, autor de títulos como Seven , e tamén a produtora de Paul Harris que, ao parecer, é a que está mellor situada para facerse co contrato. As produtoras norteamericanas prefiren refacer a película a distribuír a versión española no seu mercado. Celda 211 superou xa os 600.000 espectadores en España, cunha recadación por riba dos tres millón de euros. A cinta podería recadar outro millón de euros esta fin de semana que comeza, pero os responsables da película consideran que o percorrido da historia será aínda maior porque o número de copias que se manterán nas salas nesta terceira semana é o mesmo que cando se estreou, un total de 220, o que quere dicir que non se mantén o interese pola longametraxe. A película estivo nos primeiros postos de recadación nas taquillas dende a súa estrea.