O Congreso do IBBY que se celebrará en Compostela reunirá a un milleiro de especialistas en literatura

La Voz

CULTURA

De hoxe nun ano Compostela será a capital mundial da literatura infantil e xuvenil grazas á celebración do Congreso Internacional do IBBY, que se celebrará entre os días 8 e 12 de setembro do 2010 e que reunirá na capital galega a mil especialistas procedentes de todo o mundo. Este congreso, que fai o número 32 dos celebrados por esta entidade, foi presentado onte polo seu comisario, Xosé Neira Cruz, pola presidenta da Oepli, María Jesús Gil, e máis polo conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña. O argumento central deste congreso será A forza das minorías, argumento sobre o que pivotarán os dezasete encontros en forma de mesa redonda que se celebrarán neses días no Pazo de Congresos e Exposicións de Compostela. Ademais das mesas redondas, das conferencias plenarias e doutros eventos congresuais, hai outros actividades relacionadas co IBBY que se desenvolverán ao tempo que o certame. Entre elas a entrega dos diplomas da lista de honra desta entidade que sinala os mellores libros que se publican cada ano en literatura infantil e xuvenil. Tamén terá lugar en Santiago a entrega dos premios IBBY-Asahi Reading Promotion. O congreso servirá tamén para albergar a asemblea da institución e para celebrar un dos actos máis salientables internacionalmente do mundo do libro infantil e xuvenil, a entrega dos premios H.?C. Andersen, coñecidos como os premios Nobel para este xénero. Segundo o comisario deste congreso, Neira Cruz, «esta é unha oportunidade única para demostrar que a literatura infantil e xuvenil galega está no mellor tramo da súa historia». Aparellada a esta celebración está prevista a posta en marcha en Santiago de Compostela do Centro Internacional da Diversidade Cultural, unha iniciativa que terá como sede a biblioteca da Cidade da Cultura e que quere aproveitar a rede de contactos do propio IBBY, da que xa procede o apoio a esta iniciativa por parte da Biblioteca do Congreso, en Washington, a maior do mundo, e máis da Biblioteca de Múnic, a máis importante internacionalmente sobre literatura infantil e xuvenil. O conselleiro de Cultura asegurou que esta era unha iniciativa fundamental para Galicia e que «encaixaba moi ben nun ano que será crucial para o país tanto pola celebración do Xacobeo como por este encontro que reforzará a imaxe de Galicia no mundo».