A lingua como identificadora da colectividade

Francisco X. Fernández Naval

CULTURA

09 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O escritor e médico Antonio Pérez-Prado (1926) foi enterrado esta madrugada, hora peninsular, no cemiterio da Chacarita en Bos Aires. Fillo de galegos emigrados procedentes de Trasparga (Lugo) e porteño de nacemento, Pérez-Prado foi unha das referencias da comunidade galega na capital arxentina, sobre todo dende a publicación do libro Los gallegos y Buenos Aires (1973), reeditado no ano 2007 nunha edición precedida dunha introdución do historiador Xosé M. Núñez Seixas, que sitúa ao autor e a súa obra no contexto do proceso migratorio galego no século XX.

O seu estilo elegante e irónico ao tempo levou a moitos a comparar a súa prosa e, sobre todo, a súa oratoria, co mellor Jorge Luis Borges, autor ao que Pérez-Prado coñeceu e entrevistou, como coñeceu e tratou a todos os escritores bonaerenses coetáneos e a moitos dos intelectuais galegos do exilio e da emigración, como Luis Seoane, Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Lorenzo Varela e Xosé Neira Vilas, entre outros.

A súa vida, inzada de anécdotas e situacións singulares que a el lle gustaba contar, aderezando sempre o seu relato con retranca e sentido do humor, estivo marcada polo compromiso firme con Galicia, non tendo dúbidas ao considerar que a lingua era o elemento que debería identificar á comunidade galega na Arxentina e a Galicia como colectividade, dedicando a ela toda a ilusión, o esforzo e o amor.

Médico do hospital do Centro Galego, especialista en hematoloxía, autor do breve tratado ¿Qué es la sangre? e dun singular estudio sobre a medicina tradicional galega na obra de Shakespeare, participou en numerosas iniciativas culturais e políticas. Colaborador habitual en medios de comunicación, en particular en Radio Nacional e no suplemento cultural do diario La Nación , elaborou o guión do documental Castelao (biografía de un ilustre gallego) dirixido polo cineasta arxentino Jorge Prelorán, tamén falecido este ano.

Un dos seus últimos textos figura incluído no libro da fotógrafa Maribel Longueira: Entremiradas I: Galicia-Bos Aires.