Incremento da dotación do premio para o 2010

La Voz

CULTURA

21 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O premio que por novena edición convocou La Voz de Galicia ofrecerá novidades para o ano próximo. Segundo explicou na súa intervención Ramón Pernas, responsable do Ámbito Cultural de El Corte Inglés, que colabora na realización do premio, «en tempos de crise hai que apostar aínda máis pola literatura». Como consecuencia desta aposta o premio estará dotado na súa vindeira edición con 10.000 euros, polos 6.000 que gañou na edición de onte Alberto Ramos.

O xurado deste premio recomendou tamén a publicación dunha das outras dúas obras finalistas, a presentada baixo o lema O fráxil rastro do asasino, tamén con intriga incorporada e na que o xurado tamén salientou a calidade da súa escrita.

Entre os días 1 e 31 de agosto os lectores de La Voz de Galicia poderán disfrutar da novela que onte resultou gañadora do premio e que, segundo confesou, o seu autor esperaba «que espertase a curiosidade dos lectores e se animasen a seguila día a día».

Na cea celebrada no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, na que participaron persoeiros de diversos ámbitos do mundo cultural galego, o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, felicitou ao gañador e tamén a unha sociedade na que «se van sumando autores novos». Finalizou a súa intervención desexando que a cultura «sexa aquilo que nos distinga como persoas en lugar de distinguirnos pola casa ou polo coche». Sinalou que este premio quería colaborar en que esa circunstancia sexa realidade.