Xosé Manuel Olveira, máis coñecido por Pico , é unha cara familiar do audiovisual e do teatro galego. Desde esta fin de semana é, ademais, presidente da Academia Galega do Audiovisual, posto no que substituíu á actriz María Bouzas.
-¿Que planos ten para esta nova etapa da Academia?
-Onte celebramos a primeira reunión porque a directiva decidiuse o venres pasado. Aínda non falamos moito, pero creo que esta nova directiva manterá unha continuidade coa anterior. Hai cinco membros que continúan e outros cinco que somos novos e creo que o axeitado e darlle continuidade ao labor realizado e que a Academia sexa un espazo de independencia e neutralidade que sirva de punto de encontro e de lugar de debate. Creo que debemos abrirnos un pouco máis e darnos a coñecer tanto en Galicia como fóra porque a Academia ten que servir tamén para promover o coñecemento do sector. Os Mestre Mateo seguirán sendo unha peza fundamental nesa visibilidade.
-As compañías de teatro queixáronse hai pouco do parón que padecen por causa do cambio de goberno. ¿Sucede tamén no audiovisual?
-Hai a percepción de que está todo moi parado, tanto no teatro como no audiovisual. A sensación é que non se está traballando. Empezou unha serie, pero non hai rodaxes en marcha agora mesmo porque os proxectos que había están parados. Está é a sensación do sector e cando falo de sector falo de todos, dos actores, os técnicos, os guionistas, os produtores, todos. E quizais alguén debería pensar que hai xente que o está pasando mal e que está situación non pode prolongarse.
-¿Como ve a Academia a situación?
-Agora falta a configuración institucional do sector. Estamos pendentes das consellerías, de Cultura, de Industria, é do que suceda coa Agadic, da Axencia e do Consorcio, hai moitas cousas por definir.
-¿Como valora esta indefinición?
-Que haxa cambios no goberno non debería implicar ningún tipo de parón, nin no audiovisual nin na pesca. Se houbese un parón, tería que ser mínimo. Pero a impresión é que as cousas se fan segundo quen está e non hai unha mínima continuidade para evitar que os cambios que afectan a un sector sexan bruscos ou traumáticos. Eu creo que audiovisual hai que seguir facendo e as empresas están aí, non ten sentido repensar todo a cada paso.
-O sector estivo divido administrativamente. ¿Cal sería o ideal para a Academia?
-A anterior directiva da Academia xa se manifestou en favor dunha entidade única para a xestión do sector. Nós aínda non tratamos o tema polo miúdo, pero seguiremos nesa liña. Tampouco sabemos como van quedar repartidas as competencias, pero parece que o lóxico sería que se dependese dun só. Igual habería que encargar un estudo que definise ben cal é a mellor situación para o sector.
-¿Cales as liñas pendentes para o audiovisual?
-O sector é moi novo. Esta é unha circunstancia importante. Hai unha parte fundamental para todos os integrantes, que é a formación e na que hai que traballar de maneira constante. Outra necesidade é que a Administración respalde pero que, ademais, sexa capaz de implicar ao sector privado. Eu creo que a participación de capital privado é unha necesidade para o sector.
-¿Nas cuestións laborais hai tranquilidade?
-Tranquilo nunca estás nestas cousas. Temos o referente do convenio do teatro, que creo que aínda non se lle deu a importancia que ten. En calquera caso, desde a perspectiva da Academia, cada un dos colectivos que integran a institución ten as súas propias asociacións para este tipo de reivindicacións e a Academia debe propiciar os acordos, pero non tomar partido. Porque eu podo ser máis consciente das dificultades dos actores e actrices, pero como presidente represento a todos.
-Cre que hai espectadores fóra de Galicia para o audiovisual galego.
-É un asunto pendente porque haber hainos. Este ano nos Mestre Mateo demos un paso adiante invitando a xente do sector catalán e creo que o sector debe abrirse máis. Hai que aproveitar que os profesionais galegos están ben considerados fóra do país e tentar que os espectadores de fóra coñezan máis o que facemos.