A experiencia internacional de Roberto Varela é unha das súas cualidades máis recoñecidas.
21 abr 2009 . Actualizado a las 21:18 h.Para o novo conselleiro de Cultura, Roberto Varela, os próximos días serán unha sucesión de entrevistas se accede ás numerosas peticións anunciadas por cada un dos representantes dos distintos sectores culturais galegos. Os representantes dos distintos sectores galegos coinciden en dúas valoracións ante o nomeamento do novo conselleiro. A primeira considerar positivo que Cultura sega sendo unha consellería e a segunda pedir que non se desfaga o feito como, por outra parte, anunciou o novo conselleiro nunha das súas primeiras intervencións. O anuncio de que se reducían o número de consellerías fixo temer a unha parte do sector cultural en Galicia que Cultura pasaría a integrarse como dirección xeral. Que o novo organigrama do goberno galego manteña a Consellería de Cultura como tal engadindo Turismo é recibido no sector cultural galego como unha decisión axeitada, mesmo como sinala Ramón Villares pola relación que «o turismo ten co cultural en Galicia». A outra circunstancia é o traballo diplomático realizado polo novo conselleiro. Para Antón Reixa hai dúas circunstancias que poden ser positivas para entenderse co mundo cultural galego, «vir de fóra e estar afeito ao traballo diplomático». Reixa apunta tamén que «ese cosmopolitismo pode vir ben para que entenda a necesidade que ten o sector de internacionalizarse». No mesmo sentido se expresa o director do Marco, Iñaki Martínez ou o presidente da Asociación Galega de Editores ao sinalar que esa experiencia internacional pode contribuír a ampliar os mercados e a difundir a obra dos artistas galegos. Sanmartín, que se encontra na feira do libro de Buenos Aires asegura que no campo internacional «ben se demostra aquí que está todo por facer e que precisamos de conseguir estar presentes para poder continuar traballando no sector». Para o presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar o máis importante que se abra «un diálogo cos sectores culturais porque o proxecto será o do partido que o nomea, pero quen ten que desenvolvelo ao cabo serán os diferentes sectores». Tosar cre que o novo conselleiro ten que «escoitar á cultura do país e contar coa súa opinión para as estratexias que queira desenvolver». Segundo explica Tosar e pola súa experiencia no Pen Club esta falta de escoitar «foi unha das eivas da etapa anterior». Para o sector escénico, como para o audiovisual, hai algunhas urxencias que o novo conselleiro debe resolver no prazo máis breve posible. Tanto Antón Reixa como Celso Parada, presidente de Escena Galega, sinalan que a tramitación das axudas levan retraso por causa das eleccións e do cambio de goberno e que, explica Parada, «habería que tomar as decisións para que o proceso administrativo non se deteña máis». O director do Marco, Iñaki Martínez, comenta unha das circunstancias do perfil de Roberto Varela, «o seu perfil independente, que o levou a ter diversos cargos de responsabilidade en distintas institucións, anímanos a ser optimistas tanto na xestión de retos tan complexos como a Cidade da Cultura, como no día a día das distintas áreas que conforman o noso panorama cultural».