Luís Rei gaña o Premio Blanco Amor con «Monte Louro»


O xornalista e escritor coruñés Luís Rei Núñez coa súa obra Monte Louro alzouse onte co Premio Blanco Amor do 2009. Así o decidiron por unanimidade os membros do xurado na reunión mantida en Burela, municipio ao que lle tocou organizar este ano este certame de novela longa en lingua galega que promoven 76 concellos de Galicia. ?Estaba composto por Inma López Silva, gañadora da edición anterior, e por Olalla Cociña, Emilio Insua, Santiago Jaureguizar e Armando Requeixo, actuando como secretaria a concelleira burelense de Cultura Neves Cando, quen transmitiu a positiva valoración que fixo o xurado respecto da calidade que observaron nas obras presentadas a esta edición. Entre os 25 traballos recibidos realizaron unha primeira selección de nove novelas que tras unha nova valoración reducíronse a catro. Ao final quedou triunfadora a obra de Luís Rei, que presentaba baixo o lema Arcadia bis . Profundidade psicolóxica O xurado destacou a profundidade psicolóxica dos personaxes, a plasticidade e realismo das descricións xeográficas, o coidado estilo e riqueza lingüística, o verismo dos diálogos, a estrutura e progresión narrativa e a fondura e delicadeza con que se formulan e resolven as grandes cuestións do ser humano. O escritor, que conta cunha ampla obra literaria, con títulos como O señor Lugrís e a negra sombra , A estrela dúas polisóns , Alma mareira , A rolda invisible , entre outras, atópase estes días en Nova York, onde onte recibía a noticia a través dunha chamada telefónica; segundo Cando, van esperar a que regrese a Galicia para fixar a data da entrega do premio, que está dotado con 12.000 euros en metálico, así como a publicación da obra. Ese será tamén o día en que se realizará o sorteo para decidir que concello se encargará de organizar a próxima edición dun certame que nacía en 1981 por iniciativa do Concello de Redondela e como homenaxe ao escritor que lle dá nome. Onte, á parte de seleccionar a novela gañadora, o xurado acordou declarar como finalistas as dúas obras que se presentaban co lema O pasado aínda está por vir e Un último destino .

Votación
0 votos

Luís Rei gaña o Premio Blanco Amor con «Monte Louro»