Non todo foi revolución

Camilo Franco

CULTURA

A exposición do CGAC «Portas de Luz» propón unha revisión da cultura dos anos setenta en Galicia.

09 feb 2009 . Actualizado a las 22:09 h.

Os anos setenta foron anos movidos. A exposición Portas de luz, organizada polo Centro Galego de Arte Contemporánea, abre a posibilidade de revisitar unha época tinxida pola política, marcada polas posibilidades e oculta polas alegrías dos anos posteriores.

Moitos dos que atravesaron culturalmente esa etapa que está agora a corenta anos de distancia consideran que, sen a fervenza dos setenta, non se podería entender ningunha das circunstancias que se deron anos despois. Tamén hai coincidencia case unánime en que as inquedanzas políticas acabaron por construír un tópico que ocultou un tempo que foi de creatividade. No entanto, o comisario da mostra, Alberto González-Alegre, sinala que «levaban razón». Asegura que, «cando se dicía nos setenta que todo é política, tiñan toda a razón e aínda hoxe se demostra».

A exposición do CGAC está centrada no argumento artístico e pasa revista a outras manifestacións culturais: desde a música ata a arquitectura. Segundo González-Alegre, a intención é «ofrecer un panorama daqueles anos para o gran público e non para os especialistas».

Así como o pintor Antón Patiño considera que os setenta foron anos de «esculca e labirinto», o músico Emilio Cao cree que foi unha época á que culturalmente «non se lle ten dado a importancia que tivo». En xeral, case todos os implicados pensan que os anos oitenta taparon, co seu cambio de orientación, a retirada da política a outros planos, o que houbo de interesante durante os setenta.

Nos setenta en Galicia hai dúas liñas que se cruzan. Dun lado, o cambio de época que se estaba dando na cultura occidental, en parte pola resaca dos sesenta, pola primeira crise internacional do petróleo. En España, ademais, dábase a circunstancia dunha ditadura que non podía manter o seu poder. Para o pintor Miguel Mosquera, a década dos setenta «foron anos de efervescencia e compromiso». Patiño, pola súa banda, sinala que a «distancia que podía haber entre os experimentos de Rompente ou as intervencións doutros artistas e o espírito de Fluxus non era tan grande. Estabamos máis cerca de Europa do que nós pensabamos entón».

É Quintana Martelo quen reclama unha maior atención para os movementos e acontecementos daquela década. Segundo o pintor, todo o que sucedeu segue pesando hoxe porque «foi un tempo de semilleiro de artistas».

Tamén foi un momento de nacemento de disciplinas. O deseñador Pepe Barro sinala que foi nos setenta cando empezou a percibirse que «o deseño era unha disciplina, e foi nesa época cando comezaron a chegar algúns textos teóricos». Barro sinala que os novos eran «moi botados para diante» e engade que aos setenta non se lles concede tanta importancia porque «non foron fundacionais como os sesenta». «Sen embargo, foi unha época de descuberta e o título da exposición creo que explica moi ben que foron aqueles anos», conclúe.