«Preparo un libro sobre a estancia de Castelao na URSS»

La Voz

CULTURA

19 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O libro foi editado nun momento pouco propicio para falar das outras linguas existentes en España.

-¿Tivo problemas coa censura?

-O libro apareceu no ano 1974, é dicir, que aínda vivía Franco e polo tanto había que andar con moita cautela. A censura da lei do 38 desapareceu administrativamente coa lei Fraga de 1966. Fraga inventou a consulta voluntaria previa, que deixaba á vontade do editor publicar os libros, aínda que se había unha denuncia por quebrantar os principios fundamentais do Movimiento ese libro era retirado e sancionaban penalmente ao editor. Así que o campo ideolóxico de movemento seguía a ser o mesmo. É certo que estamos a finais do franquismo e hai unha certa permisividade porque retirar un libro traía escándalo. Ramón Acal era un editor arriscado e este libro non foi á consulta voluntaria previa, e logo ninguén o denunciou, pero eiquí hai catro españois que contestan en marxista, porque eu xa fago as preguntas en marxista.

-Ao final do libro hai un engadido de textos sacados de diferentes escritos.

-Collín doce autores extragalegos que opinaran en outras ocasións sobre o galego, entre eles, elixín a quen fora director xeral de prensa falanxista Juan Aparicio, aquel que lle fixera a vida imposible a Galaxia porque esperaba que a súa actividade fose folclorista e non un esforzo máis intelectual. Isto debeulle molestar. Era un libro explosivo pero que tamén tiña as súas cautelas, por exemplo, non cito textos de Mundo Obrero .

-Hai pouco que tamén publicou o libro «Letras galegas» (Xerais), vinculado á mesma época.

-Téñolle simpatía porque daquela eu fun o galego que máis colaborou en Triunfo , revista fundamental na predemocracia española, dirixida por Haro Tecglen. Había un nivel de liberdade de expresión máis grande do habitual na época. No libro recollo trinta e tantos artigos, entrevistas ou conferencias publicados entón, nos que eu trato de dar unha visión da literatura galega. Fóra de aquí, a idea que tiñan da literatura galega, reducíase a Rosalía, Curros e unha literatura folclórica e rexional, pero non sabían que había unha literatura cuestionadora e crítica, de esquerda. Así que eu falaba de Neira Vilas, de Celso Emilio, Castelao, Lourenzo Varela, etcétera con diversos motivos. Por exemplo, o único artigo que se publicou no mundo cando Lorenzo Varela, despois de corenta anos, volve do desterro foi o meu en Triunfo . Cando morre Seoane, tratei de que a xente o coñecera fóra. O prólogo do libro é de Fernando Salgado, que foi alumno meu.

-¿En que traballa agora?

-En dez libros. Teño escritos neste momento seis ou sete libros que teño que retocar. Un é sobre a estancia de Castelao na URSS, que estivo en maio do 38. Teño moita documentación sobre aquela estadía. Estiven en dúas ocasións alá e volverei para seguir traballando no tema. Castelao foi considerado alí o debuxante revolucionario máis importante do mundo. Expuxo alí Galicia mártir e Atila en Galicia no Museo da Revolución.