O cambio de gañador do González Garcés «foi unha decisión máis xurídica que literaria», apunta o xurado


«Fui unha decisión máis xurídica que literaria». Así explicaban onte membros do xurado do premio de poesía Miguel González Garcés o acordo do mesmo de cambiar o gañador deste galardón aludindo ao incumprimento das bases da convocatoria.

Un asesor xurídico da Deputación coruñesa acompañou en todo momento aos membros do xurado e «indicounos que se rexeitabamos a impugnación que presentou o finalista o asunto acabaría nun xulgado, que sería o que tomara a decisión final».

Isto contaban onte membros dun xurado do que era presidente o máximo responsable da Deputación provincial coruñesa, Salvador Fernández Moreda (que non exerceu o seu dereito a votar en ningunha das reunións do xurado), e que estaba formado por escritores de recoñecido prestixio como Manuel Álvarez Torneiro, Manuel Fernández Álvarez Forcadela, Remedios Fernández Romero, Gonzalo Navaza e Luz Pozo Garza.

O anonimato

Outra das opcións que tiñan era «aterse estritamente ás bases do premio» segundo as cales «o máis grave era a cuestión do anonimato», xa que Eduardo Estévez, a quen o xurado dera como gañador do premio o pasado 27 de maio, era o autor dun blog en Internet, chamado En construción, no que aparecían versos do poemario que posteriormente foi o galardoado, xunto co seu nome.

Os membros do xurado recoñecían onte que non sabían da existencia desta bitácora e indicaron que outra das obras presentadas a este premio foi desestimada «porque parte dela estaba publicada nunha revista». De todo os xeitos, consideran que este é un feito pouco habitual, e indican que a decisión de aceptar a reclamación que presentou o finalista, Xavier Lama, foi tomada por unanimidade do xurado, mentres que a de concederlle o premio ao propio Lama, que nun principio fora finalista co poemario Cabalos do alén , foi tomada por catro votos a favor e un en contra. Lama insistiu en que lle parecía «escandaloso» que se premiara unha obra que levaba dous anos colgada en Internet.

Eduardo Estévez explicou tamén onte que a opción que tiña agora era a de presentar un recurso contencioso administrativo e ir ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que acabaría decidindo o gañador, «pero non o vou facer, polo mesmo que non me parece elegante o que fixo Lama». Cualificou o ocorrido de «antecedente perigoso», polo que supón «xudicializar os premios literarios».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos

O cambio de gañador do González Garcés «foi unha decisión máis xurídica que literaria», apunta o xurado