Convertido nunha gran referencia da fotografía galega, recibirá sepultura esta tarde ?no cemiterio de Soutelo
16 jul 2008 . Actualizado a las 13:11 h.
Convertido nunha das grandes referencias da fotografía galega a unha idade moi avanzada grazas á exposición que lle organizou a súa filla Keta, Virxilio Vieitez faleceu onte aos 78 anos cun posto na historia que o sitúa á par das figuras de Ksado ou Manuel Ferrol. A casualidade fixo que aquela mostra o puxese en contacto con Manuel Sendón e Suárez Canal, os seus descubridores, para quen entre as súas principais características destaca a escenificación dos seus retratos, nunca casual, senón notablemente escollida. Trátase dun retratista que elixe o seu marco, o que mellor ha sentar á imaxe do seu retratado, introducindo elementos naturais que provocan sempre certo impacto no resultado final. E con ese estilo fai que nos veñan de contado á memoria a señoriña que posa coa radio diante dunha parede de bloques ou as figuras que se acompañan de monumentais Chevrolets, Pontiacs, Fords ou Cadillacs que os emigrantes traían das Américas, como novidade e luxo.
Outras dúas características da obra de Virxilio Vieitez son a súa predilección polo traballo en exteriores (hortas, rúas e estradas, prazas...) e a súa sensibilidade para captar a expresión dos modelos.
Virxilio Vieitez faleceu onte ás cinco da madrugada despois de dous anos con problemas graves de saúde, e hoxe recibirá sepultura ás cinco da tarde no cemiterio parroquial de Soutelo de Montes.