As bibliotecas de Carballo Calero e Vilar Ponte serán catalogadas

La Voz

CULTURA

01 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinaron onte no Pazo do Hórreo un protocolo de colaboración para a catalogación informática das bibliotecas de Carballo Calero e dos irmáns Vilar Ponte, adquiridas pola Cámara autonómica en 1997 e o 2001, respectivamente, e integradas por arredor de 9.000 volumes.

Coa firma deste protocolo, as dúas institucións tratan de poñer ese patrimonio cultural a disposición da cidadanía e da comunidade científica. Os traballos deberán estar concluídos en seis meses.

A presidenta da Cámara explicou que o protocolo permitirá a investigación e divulgación destes fondos para «devolver este patrimonio a todos os cidadáns de Galicia que queiran achegarse á nosa historia máis recente co legado duns persoeiros que aínda inflúen no noso colectivo político». Ramón Villares explicou que o acordo acadado responde ao obxectivo fundacional da institución cultural, que é «preservar os valores culturais do pobo galego».

A biblioteca de Carballo Calero consiste nunha colección de máis de 7.800 volumes que inclúe todos os orixinais das súas obras, primeiras edicións e correspondencia. A segunda conta con correspondencia dos irmáns Vilar Ponte con persoeiros como Alexandre Bóveda, Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Ramón Cabanillas.