O mercado da lingua

Camilo Franco

CULTURA

02 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Aqueles que con tanta ansia levantan o dedo acusador esquecen que cando denuncian deixan clara a súa posición no mundo.

Fantasía e ameazas. Galicia bilingüe anda facéndose a inocente pedindo que cada galego fale no que queira e asegurando que hai represión contra o castelán. Ademais, parecen militar no inxenuismo ao descubrir con sorpresa que unha lingua tamén é un mercado e denunciar que hai escuros intereses económicos detrás da normalización do galego. Vese que lles gusta a literatura de xénero: primeiro a fantasía e logo salferir coa intriga. Pero cre o ladrón que son todos da súa condición e este colectivo séntese ameazado polas tentativas normalizadoras. Miran a precaria situación do galego co resquemor de quen ten medo a perder privilexios, escúdanse nun dereito democrático e tentan erguer fantasmas que soan a atavismos máis ben recentes. Tratan ao galego como se fose un arma de destrución masiva. E si, utilizan as mesmas desculpas coas que Bush invadiu Iraq. Non se me queixen, esta é a interpretación inocente.

Caprichos da memoria. Lembrei un feito fotografable no que Manuel Fraga e Julio Iglesias pechaban un trato. O trato era que o cantante sería embaixador de Galicia a cambio de 300 millóns de pesetas. Aforrándolles o cálculo, 1,8 millóns de euros máis ou menos. Non lembro grandes broncas entón a pesar do ridículo do gasto e da súa manifesta e comprobada inutilidade. A memoria é caprichosa, pero non como a razón, e por iso non me sorprenden tanto algunhas actitudes reprobatorias como que non se utilice o mesmo metro para todas as distancias. Que para un lado se sopre e para outro se atice. Non queda bonito. Julio Iglesias levou os cartos para Florida. Estou certo de que, entre gastar en Miami e gastar en Cuba, todos preferimos o segundo.

Perda da inocencia. Na miña infancia fíxose famoso o palanganero. Non lles podo explicar por que, pero vostedes saberán preguntar. Hai xente que coa inocencia do asalariado acomete labores nas que outros non queren mancharse. Por iso esperan a fundar colectivos en momentos electorais, a sacar buses á rúa coincidindo coas caravanas dos votos, a propagar sospeitas sobre os outros que eles non poden aclarar sobre si mesmos. Alguén con siglas políticas recoñecibles invocará a Galicia bilingüe no futuro e entón comprobaremos cales son os vimbios deste cesto e quen pagou a artesanía.