O Centro Coreográfico estrea «Kiosco das almas perdidas»

CULTURA

O traballo evoca un local do Berbés de Vigo no que se xuntaban mariñeiros, peixeiras ?e xente que ía de troula

27 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Un Xerión máis gris que de costume recibía na mañá de onte ao pé da torre de Hércules. Por ese mar do Norte que recita Carlos Oroza entraba un orballo que durante uns minutos cubriu co seu manto húmido aos compoñentes do Centro Coreográfico Galego, que se xuntaron a carón do bimilenario faro para presentar o seu novo espectáculo: Kiosco das almas perdidas. Cantou Mercedes Peón, encargada da música en directo desta montaxe, e o son do seu clarinete lembrou a sirena do faro cando soa en días de brétema, como o de onte. «Nada mellor que este marco, ao pé desta torre que consegue que os barcos ou os mariñeiros perdidos atopen un punto de referencia», apuntou Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, que asistiu á presentación.

O catalán Roberto Oliván, responsable desta montaxe, tivo palabras de agradecemento «en primer lugar para Natalia Balseiro [directora do Centro Coreográfico Galego], por todo el trabajo que están haciendo y la posibilidad de poder hacer este espectáculo». Lembrou que o pasado mes de agosto veu a Galicia para empezar a preparar este traballo que xa teñen «ganas de representar». A estrea está prevista para o vindeiro venres, día 29, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña ás 21.30 horas. Oliván lembrou que esta montaxe está inspirada nun local do Berbés, en Vigo, chamado o Kiosco das Almas Perdidas e que era un punto de encontro, entre as seis e as oito da mañá, de xente diversa: mariñeiros, peixeiras, «gente que salía de fiesta»... «Pensamos que podía ser una metáfora que aplicar a la realidad; la obra tiene mucho de Galicia», di Oliván.

O mago Antón poñerá maxia nun espectáculo que tamén conta con vídeo, animación, teatro e, loxicamente, moita danza.