Estamos un tanto obsesionados coas linguaxes contemporáneas sen decatarnos de que case todo é contemporaneidade.
25 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Estamos un tanto obsesionados coas linguaxes contemporáneas sen decatarnos de que case todo é contemporaneidade. A contemporaneidade non hai que buscala, sucede.
Divismo arquitectónico. Pero os novos gurús da contemporaneidade non son os filósofos, nin os sociólogos, nin os estetas, nin os presentadores de televisión. Os novos gurús son os arquitectos. Algúns deles teñen unha linguaxe similar aos artistas contemporáneos, é dicir explican a súa obra con criterios abstractos: o concepto está claro pero o seu físico non. É outro exemplo de sindicato vertical, primeiro deciden a forma que queren construír e logo deixan que os usos se adapten ao espazo. Sorprende nunha profesión inventada para facer habitables os espazos para o humano. Sorprende iso e cómo obras con dez anos de idade, como o Pazo da Cultura de Pontevedra, teñan xa tantos sinais de vellez prematura.
Feiras e mercados. Igual é un problema das palabras. A palabra cultural de moda en Galicia é mercado . Non foi sen tempo. Mercado dos libros, mercado da música, mercado e mercado. Hai quen bota contra fóra porque se introduza na sociedade a idea de que a cultura ten que estar no mercado no mesmo sentido que están tantas cousas. Para quen reclama desde a pureza da súa posición que a cultura non se vende, unha mensaxe tranquilizadora: as ideas non se venden, no mercado véndese os soportes. Non se vende a literatura, véndese os libros. Pero por se non chega, un apunte máis: neste país a todo o mundo lle gustan as feiras. As feiras non son outra cousa que mercado. Así que, como fixo Álvarez Blázquez, levamos a cultura ao mercado e a ver qué pasa. Que haxa que levar a vaca á feira non quere dicir que a vaca sexa mala.
A continuación da literatura. Tento defender a idea de que os argumentos son máis importantes que os soportes. Pero dependemos demasiado da tecnoloxía. Cando falan de cine e literatura, como sucedeu ata onte en Pontevedra, tento defender que é a mesma cousa con ferramentas diferentes. Teño pouco éxito. Parece que é culturalmente máis rico pensar que cine e literatura son universos diferentes e non dúas formas dunha mesma intención narrativa e comunicadora. Pero insisto con teimosía ourensá que o culturalmente rico é discernir entre o argumento e o soporte. Por iso o cine e a literatura están feitas da mesma materia do soño shakesperiana, porque os soportes cambian e os argumentos permanecen. Aproveitando a cita cínica: o cine só é a continuación da literatura por outros medios.