O escritor, que en setembro recibirá en Celanova o Premio Casa dos Poetas, reencóntrase cos soños, a maxia e a paisaxe da infancia no retorno á súa terra natal
25 jul 2007 . Actualizado a las 05:04 h.FERREIRA DO VALADOURO | O lugar chámase Vilaúde. E a casa, recén restaurada, é a do Piñeiro. Era a dos avós dos escritor, e chegou a estar completamente en ruínas. Pero un día Manuel Lourenzo decidiu que non se podían deixar caer todos aqueles recordos e todas aquelas pedras, e púxose a levantar de novo as paredes entre as que hoxe -ao tempo que só con mirar a través da ventá xa se reencontra coas paisaxes máis queridas- sente de novo que a maxia e os soños da infancia camiñan por dentro del.
Alí érguese cedo. «Quero aproveitar toda esta luz... e tamén as sombras», di o dramaturgo. Tan pronto como abre o día. Afirma que é moi fermoso abrir os ollos mentres sentes a chamada dos paxaros, que cantan nas árbores da horta. Traballa co entusiasmo de quen sabe que a escritura tamén é un destino, de quen está convencido de que hai unha realidade, polo xeral inaprensible, á que o home só pode achegarse mediante a intuición poética: a través das palabras que, ao converterse en literatura, toman forma sobre o papel.
Unha mecanografía
Manuel escribe case sempre a máquina. Ten unha ducia delas, e entre as súas preferidas está unha vella Underwood. Despois, tras corrixir a man, é a súa muller, Montse, quen transcribe no ordenador os seus textos.
A informática non forma parte da vida do autor de O circo da medianoite. El prefire seguir sentindo, en todo momento, a cálida caricia do papel. E ás veces, a súa obra nin ao papel chega. Queda no aire da casa, aloumiñado pola súa voz. «Todos os días -explica o dramaturgo- lle conto á miña neta, a Iara, unha historia diferente. ¿De que lle falo...? Pois de Lanzarote, de Perceval, de Ulises... E tamén dos ventos. Cóntolle cómo vén ata aquí o Nordés, e sobre todo o Sudoeste, que chega a través do serra e que Cunqueiro chamaba o Vendaval. Cóntolle á nena que o Vendaval vai ata a catedral de Mondoñedo, e que alí se encontra co san Rosendo que está no alto da basílica, que é quen lle di para onde ten que ir despois...».
A nena, que ata hai meses residiu fóra de Galicia, «arrincouse estes días a falar galego», segundo conta o escritor, a quen se lle acenden os ollos cada vez que fala da pequena.
E ela, mentres (catro anos de idade ten Iara agora), explica que nos contos do seu avó os ventos van atopando desde gatiños ata lobos, ademais de santos de pedra que lles dan ordes e lles marcan o camiño a seguir. «Aquí no Valadouro -di o escritor, mirando a nena- é onde máis son eu mesmo, onde sei o nome de canto vexo».